Volve o Mundial, esquécete do mundo.

En Albania, milleiros de cidadáns levan días protestando contra un proxecto turístico impulsado por Ivanka Trump que ameaza o seu medio ambiente. Marrocos acaba de asasinar a tres saharauís, un deles fillo dun ex presidente da Fronte Polisario. Israel está a facer unha “nova Gaza” no sur do Líbano mentres intercambia ataques misilísticos con Irán. Francia, Alemaña e Gran Bretaña xa falan abertamente de utilizar a Ucraína como excusa para atacar Rusia.

Pero vén o Mundial de fútbol, o primeiro con 48 países organizado en tres países: EEUU, Canadá e México. Na súa volta á Casa Branca, Trump “maquinou” a idea de anexionarse Canadá e México, ademáis de Groenlandia. Irán, que xogará en EEUU os seus tres partidos na fase de grupos, terá que pernoctar en México, onde foron recibidos cos brazos abertos. Trala crise económica suscitada polo peche do Estreito de Ormuz, Trump quere agora un trato con Irán incluso acusando a Netanyahu de “tolo” por seguir coa súa mesiánica e supremacista idea do “Gran Israel”.

Volve o Mundial con astros en capa caída como Messi, Ronaldo e Neymar pero que seguen a dar espectáculo, buscando un “retiro dourado” alén dos que xa teñen en ligas de menor rango como EEUU e Arabia Saudita, aínda que o brasileiro regresou ao Santos do seu país. Tamén estarán outras estrelas: Mbappé, Vinicius, Lamine Yamal, Raphinha, Julián Álvarez, Haaland, Kane. Menos Italia estarán os campións de toda a vida: Alemaña, Brasil, Arxentina (a defensora do título), Francia, España, Inglaterra e Uruguai. Tamén estarán os “animadores” de sempre como Holanda, Bélxica, Croacia, Colombia ou México. Debutantes como Curazao, Cabo Verde e Congo; e prospectos con pretensións de futuras potencias como Marrocos, Xapón, Corea do Sur, Arabia Saudita (sede do Mundial 2034) ou Senegal. Está todo servido.

“Volve o Mundial, si, e Vde. non se aparte da pantalla (…) Rodará o balón nun mundo indolente e banal. O espectáculo está garantido”

Volve o Mundial, si, e Vde. non se aparte da pantalla a pesar de que os cambios de horarios aquí en Europa con respecto ao hemisferio norte occidental obriguen nalgúns casos a trasnoitar para ver os partidos. Non se aparte da TV, das redes sociais, do streaming, das tertulias tipo “chiringuito” dos post-partidos. En definitiva, de todo o que se mova no mundillo futbolero porque entre o 11 de xuño e o 19 de xullo o balón rodará incesante agardando por novas historias e as mesmas vellas promesas. Rodará o balón nun mundo indolente e banal así Netanyahu aproveite para anexionarse de facto o Líbano cometendo unha nova masacre xenocida, a Europa “despechada” con Trump inicie a guerra contra Rusia e quen sabe termine “saltando la liebre” e teñamos unha guerra entre Taiwán e China. Todo isto mentres CR7 intenta marcar un novo récord e Messi sumar un novo título.

Non se preocupe que o espectáculo está garantido. “Show must go on”, dicía esa canción de Freddy Mercuri. Non sabemos pero ao mellor durante estas cinco semanas, o fútbol traerá esa tregua tan codiciada neste mundo convulso e caótico onde a guerra, como diría esa canción de Silvio Rodríguez tamén interpretada por Soledad Bravo, é “a paz do futuro“. Pois si, quen sabe, ao final teremos que agradecer á FIFA dos “petrodólares” por este favor “mundialista”. E falando de cartos, Florentino Pérez renovou a súa presidencia no Real Madrid. Así que tranquilos, haberá palco de negocios no Bernabéu polo menos ata 2030. E que non se acabe a música: como diría esa canción de Julio Iglesias, “la vida sigue igual”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.