Volve a Salvaterra o Roteiro Nocturno de Samaín

O luns 16 de outubro con participación solidaria

Salvaterra de Miño | As inscricións comezan o luns 16 de outubro e o único requisito para participar é aportar un produto de hixiene ou non perecedoiro para o banco de alimentos. Un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño organiza o Roteiro Nocturno de Samaín, unha data moi esperada entre o público que neste 2023 celebrarase o 31 de outubro.

Dende a noite e ata a madrugada teremos unha noite terrorífica para nenos e nenas, idade recomendada a partir dos 11 anos, e adultos. Como sempre aconséllase a todos aqueles que queiran participar que veñan caracterizados xa que esa noite Salvaterra de Miño agochará moitas sorpresas e sustos nun percorrido que comezará na Praza do Concello e rematará no Campo de Fútbol do Casal.

Ó chegar os participantes poderán tomar un chocolate quente. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a saída será ás 20:00h e farase escalonada en grupos organizados que deberán seguir as indicacións do percorrido para chegar o final do roteiro.

O prazo de inscrición comeza o luns 16 e remata o 27 de outubro ou ó cubrir as prazas e realizarase a través da web https://www.barafundaanimacion.com/Roteiros/salvaterra/ enlace o que tamén se pode acceder escaneando o QR. O único requisito para participar será que cada participante deberá traer consigo un produto de hixiene ou produto non perecedoiro para o banco de alimentos do Concello. Recordamos que as prazas son limitadas e irán por orde de inscrición.