Ponteareas | Ponteareas prepárase para unha nova edición da San Silvestre, unha proba non competitiva e solidaria que, como cada ano, promete encher as rúas da vila de deporte, ledicia e bo humor durante a última tarde deste 2022.
O vindeiro 31 de decembro os veciños e veciñas poderán achegarse ata a Praza Maior nunha nova cita con esta proba pensada para gozar en familia e que terá a saída programada para as 17.30 horas, ás 16.30 horas no caso da carreira infantil.
Organizada polo Club Taninos Runners en colaboración co Concello de Ponteareas, a San Silvestre celebra unha década de vida cun percorrido urbano que agarda a reunir un ano máis a preto dun millar de corredores e corredoras entre as categorías infantil (para maiores de 4 anos) e absoluta (para maiores de 14 anos). A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, participou na presentación da nova edición da San Silvestre xunto ao concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, e parte do equipo integrante do Club Taninos Runners.
“Celebramos os 10 anos desta carreira con moitísima ilusión e con moitas ganas de compartir a última tarde do ano coa veciñanza. E iso só é posíbel coa implicación do Club Taninos Runners, que cada ano se implican ao 100% para que todas e todos poidamos desfrutar desta xornada lúdica e deportiva tan especial”, explica o edil de Deportes.
Dende o Club Taninos Runners animan a toda a veciñanza a inscribirse nestes días para participar nesta carreira de décimo aniversario que virá con sorpresa para todas e todos os corredores: unha camiseta para os e as participantes na categoría absoluta e un agasallo para os máis pequenos e pequenas. As persoas interesadas xa poden facer a súa inscrición gratuíta a través da páxina web cronotec.es ata o vindeiro mércores 28 de decembro, xa que non se admitirán novas inscricións a partir desa data nin o mesmo día da proba.
E, un ano máis, a carreira amosará o seu lado máis solidario. Tanto as e os participantes como o público xeral poderá participar na recollida voluntaria de produtos alimenticios non perecedoiros, tamén para persoas celíacas, e produtos de hixiene persoal que irán destinados ao Centro de Reparto de Alimentos da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ponteareas. “Entre todos e todas podemos converter unha tarde de lecer en toneladas dunha axuda que é moi importante para o centro de reparto, do que se benefician moitas familias da vila”, salienta Bouzó.