
Ourense | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; asistiron hoxe á primeira edición de Vitis Lumen, unha iniciativa celebrada no Concello de Larouco que propón un percorrido arredor do viño ao que a Consellería do Medio Rural sumou a promoción da diversidade e calidade das producións agroalimentarias galegas.
Baixo a proposta “Saborea o Vitis Lumen”, Medio Rural promoveu cinco paradas gastronómicas ao longo da ruta, concibidas para achegar ao público diferentes produtos galegos amparados por figuras de calidade diferenciada e polo selo de Artesanía Alimentaria. Deste xeito, o percorrido entre viños converteuse tamén nunha oportunidade para saborear Galicia a través dos seus produtos e coñecer a diversidade da súa produción agroalimentaria.
As degustacións incluíron produtos cárnicos de Artesanía Alimentaria acompañados de pans con indicación xeográfica protexida; queixos e meles recoñecidos nas Catas de Galicia; elaboracións con carne da IXP Ternera Gallega e Pemento de Herbón; Grelos de Galicia e Lacón Galego; así como xeados creados por operadores de Artesanía Alimentaria. A iniciativa permitiu así reunir nun mesmo percorrido produtos vinculados a diferentes territorios e formas de produción de Galicia.
Neste contexto, Alemparte salientou que a calidade diferenciada constitúe unha ferramenta para xerar valor a partir da orixe e da identidade das producións galegas. Así, destacou que estes distintivos non só ofrecen ao consumidor garantías sobre a orixe, autenticidade e calidade dos alimentos, senón que contribúen tamén a protexer o patrimonio agroalimentario, fortalecer a identidade dos territorios e xerar maior valor para as persoas produtoras.
O director incidiu ademais na importancia de achegar estes produtos ao consumidor a través de experiencias que permitan coñecelos, degustalos e identificalos cos territorios dos que proceden. Neste sentido, puxo Vitis Lumen como exemplo das posibilidades de sumar viño, gastronomía e territorio para reforzar a promoción das producións galegas de calidade. Na foto actuación de Lucía Pérez, cantante do Incio.




