Ourense | O VII Car Outlet Ourense celebrarase en Expourense entre o 9 e o 11 de maio e está confirmada a participación de 15 concesionarios da Asociación de Concesionario de Automóbiles de Ourense – ACAUTO que representan a un total de 27 marcas, a práctica totalidade das que operan no mercado. Esta cita voltará ofrecer as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais.
Esta cita foi presentada en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o Deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o vicepresidente de ACAUTO, César Fernández Mosquera. Este último estivo respaldado por boa parte da xunta directiva da asociación que quixo aproveitar esta presentación para rendirlle homenaxe ao seu presidente, Ramón Seijas Pérez, falecido hai uns días. Dende ACAUTO agradeceron o seu papel de “líder inspirador, mentor e amigo” destacando a súa capacidade de manter unido ao sector e sublimando o feito de que foi o impulsor do Car Outlet cuxa primeira edición se celebrou en 2016.
O Car Outlet Ourense é unha cita vencellada a un dos sectores comerciais de maior peso na nosa contorna, o da automoción, no que se reunirán 440 coches con ofertas moi especiais. O obxectivo desta cita é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.
A oferta presentada neste salón será ampla puidendo atoparse kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man. Na actualidade, no mercado de ocasión a franxa de idade máis demandada e vendida son os vehículos de entre 3 e 7 anos e serán estes os que máis fácil será atopar nesta edición. Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón convértese nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (dos máis antigos de España) que ten agora unha idade media de 16,9 anos na provincia de Ourense (a media galega é de 15,4).
O VII Car Outlet de Ourense presenta a mellor oferta en Galicia en vehículos de ocasión, seminovos, xerencia e kilómetro cero que contan con inmellorables condicións, xa non só no prezo, senón tamén de financiamento, seguros ou outros servizos engadidos, e, por suposto, coa garantía e solvencia que ofrecen os concesionarios oficiais. Ademais, este tipo de vehículos véndense con entrega inmediata.
Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 1 a 6 anos). As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.
O horario de apertura do salón será venres 9 de maio de 11.00 a 20.30 h., sábado 10 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 11 de maio de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. Haberá ademais Servizo de Ludoteca Gratuíto a partir do venres pola tarde.