Vigo propón un deseño da terminal de autobuses acorde á estación de Thom Mayne

Abel Caballero pide á Xunta de Galicia un deseño "coherente" da estación de autobuses -que estará nun lateral da estación do AVE- co entorno e a arquitectura de Mayne.

Vigo | Este venres, o alcalde deu conta da reunión celebrada onte entre as tres administracións e a empresa Immochan, adxudicataria da construción da gran estación do AVE de Urzáiz, unha cita na que se abordaron distintas cuestións sobre o encaixe da terminal ferroviaria e de autobuses.

A estación de autobuses estará nun lateral da estación do AVE ideada por Mayne, polo que o Concello de Vigo, co acordo de ADIF e de Immochan, propuxo que o seu deseño sexa “harmónico” co entorno e “coherente” coa arquitectura da estación do AVE. Neste punto, anotou Caballero, a Xunta afirmou na reunión que ten un proxecto propio. Sen entrar a prexuzgar o deseño nin o traballo do arquitecto encargado deste, o alcalde solicitou coñecelo e agarda que sexa “acorde” á estación do AVE de Thom Mayne.

Ademais, segundo explicou Caballero, as partes avanzaron no deseño da Praza da Estación, a entrada frontal á terminal ferroviaria, que será remodelada para dar cabida, por exemplo, aos lineais de taxis, aos autobuses e aparcamentos para bicis e motos, tamén os accesos á futura estación de autobuses. A este respecto, o alcalde puxo en valor os avances acadados e a “boa disposición” de todos.

Concello, ADIF, Xunta e Immochan tamén estudaron onte o encaixe e coordinación dos cronogramas das distintas obras a executar. Caballero engadiu que o obxectivo é que todos os accesos da Praza da Estación, das conexións coa estación do AVE e coa autoestrada estean operativos cando Immochan remate a súa obra. O rexedor concedeu “a maior importancia” á cuestión, na que tamén hai acordo entre as partes. Así, o Concello conta no orzamento deste ano cunha partida reservada para os accesos, por exemplo o derrubo do paso elevado de Lepanto e a construción de parte do futuro túnel que conectará o citado vial coa autoestrada.

Outros artigos