Vigo acolle a I Feira de Pedra Natural en España

O sector reivindica o seu peso como motor económico da provincia de Pontevedra

Vigo | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores na reunión do Comité Asesor de StoneGal, a primeira feira sobre a pedra natural en España que reunirá no IFEVI o próximo mes de xuño máis de 150 empresas e 3000 profesionais dun sector que “supón un motor económico para a provincia de Pontevedra”. A reunión celebrouse no Círculo de Empresarios de Galicia e estiveron representes o director da feira, Alejandro Miras, e o secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo, ademais de representantes do Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.

A vicepresidenta provincial reivindicou “que esta feira se realice na provincia, pois cómpre lembrar que no sur de Galicia e norte de Portugal concéntranse máis de 500 empresas do sector e que somos o principal foco de produción de toda a península”. Luisa Sánchez indicou que a feira conta unha achega de 10.000 euros da Deputación, cos que “se realizarán accións como o patrocinio do Premio Antonio Palacios en recoñecemento a unha vida dedicada á pedra, ou unha instalación artística utilizando como materia prima o granito do Porriño”. Ademais, avanzou que “non queremos que a nosa vinculación co sector quede nesta colaboración puntual, senón que seguiremos estreitando lazos con StoneGal e o Clúster”, e neste sentido sinalou que a Deputación abordará con eles “accións conxuntas para promover o seu uso, especialmente o do granito do Porriño”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.