VI Torneo Solidario de Bádminton 2022 en Ponteareas

Coa recollida de media tonelada de alimentos en 226 partidos disputados

Ponteareas | Deporte e solidariedade déronse a man unha vez máis en Ponteareas esta fin de semana grazas ao VI Torneo Solidario de Bádminton 2022, un certame organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello que reuniu a 110 xogadores de centros educativos e clubs que disputaron un total de 226 partidos ao longo de toda a mañá do domingo.

Un torneo que contou cun grande éxito de público e superou todas as expectativas recadando media tonelada de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene que se destinarán ao Centro de Reparto de Alimentos municipal, dependente da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ponteareas.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo felicitar “a todos os xogadores e xogadoras por ofrecer un grande espectáculo de bádminton en cada un dos encontros e agradecer a familiares e público en xeral a súa implicación, participación e solidariedade, que cobra grande importancia nestas datas tan sinaladas”.

O edil quixo tamén dar os parabéns ao Club Bádminton Ponteareas por seguir achegando o seu gran de area con este torneo que cada ano achega a ponteareás e ponteareáns a este fermoso deporte.

Nos encontros disputados estaba en xogo o liderado de nove categorías, dende a benxamín ata absoluta. Así, en benxamín o ouro foi para Eva Lemos, que compartiu podio con Pablo Fernández na segunda posición e Antón Firvida e Celia Sestelo na terceira.

En alevín masculino o ouro foi para David Sampedro, prata para Héctor Nantes e Bronce para Roi Vilchez e Guillermo Vicente. Pola súa banda, Inés Lemos fíxose co primeiro posto en alevín feminino, seguida de Carlota Muñoz no segundo e de Lara Ramilo e Suamira Iglesias no terceiro.

En infantil feminino o podio rematou con Vera Rodríguez á cabeza, seguida de Julia Lemos no segundo posto e de Lara Sestelo e Carla Romero no terceiro. Na categoría masculina o vencedor foi Carlos Segovia, que compartiu podio con Gabriel Isorna na segunda posición e Adan Castro e Ángel Fernández na terceira. Hugo Díez fíxose co ouro en cadete masculino, mentres que Aitor Fernández acadou prata e Ramón Lago e André Araujo bronce. Na categoría feminina, Daniel Morais rematou primeira, seguida de Lucía Casal (2ª) e de Amara Araujo e Sara Estévez (3ª).

Xa nas categorías absolutas, na feminina o ouro foi para Alba Cid, mentres que a prata foi para María Bargiela e o bronce para Raquel Sampedro e Ana Casellas. No absoluto masculino o vencedor foi Jorge García, mentres que Gabriel Rodríguez acadou prata e Xulio Araujo e Fernando Ramilo levaron bronce.