VI Festival Medieval do Castelo do Bolo en Ourense

Presentouse “Cornamusas da península Ibérica e Illas Baleares”, de Ruth Foxo

Ourense | O VI Festival Medieval do Castelo do Bolo reunirá o próximo sábado, 8 de abril, a un cento de artistas nunha nova edición do certame musical que este ano está dedicado á memoria de Severino Salgado, un dos membros máis veteranos do xa tradicional Folión do Buxán, falecido no pasado xaneiro.

O programa do festival foi presentado esta mañá no Pazo Provincial coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e a cantora Carmen Penim, que interpretará a Dona Urraca. Patricia Torres puxo en valor unha nova cita “coas músicas medievais que durante tantos anos sonaron neste espazo”.

Un festival que é motivo de orgullo, dixo Manuel Corzo, agradecendo a Xosé Lois Foxo “un traballo de anos que tamén axudou a promocionar o castelo”. Carmen Penim tamén tivo palabras de agradecemento para Foxo, “por recuperar a memoria popular”, e para o alcalde do Bolo como exemplo de persoas “que cren no rural”.

O director da Escola de Gaitas da Deputación explicou o programa do VI Festival Medieval, que ademais de música tamén ofrece a oportunidade de contemplar no castelo unha exposición de gaitas ibéricas; asistir á presentación do libro “Cornamusas de la península ibérica e islas baleares”, da investigadora e historiadora da arte medieval Ruth Foxo; e ademais “desfrutar na XIII edición da Festa da Vitela”, engadiu o director da escola.