VI Festival de Bandas Infantís en Xinzo (Ponteareas)

Este 10 e 11 de maio

Ponteareas | Esta próxima fin de semana, a parroquia pontareana de Xinzo énchese de música con dúas das súas citas anuais máis importantes. Durante as tardes do sábado e o domingo, as dúas bandas musicais da parroquia celebran os seus respectivos festivais, ambos no torreiro de festas de Xinzo.

A Banda da Escola de Música de Xinzo inaugura a fin de semana. O sábado 10 de maio ás 18:00h, celebra o seu VI Festival de Bandas Infantís. Este ano, conta coa compañía da Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Vincios. Os músicos máis cativos volverán a protagonizar o encontro que, unha vez máis, reunirá ao público para gozar da música novel. Como a pasada edición, a deste ano terá lugar ao aire libre, un modo de enriquecer o festival e achegar máis a música aos habitantes da parroquia.

Ao día seguinte, o domingo 11 de maio, a música continuará coa celebración da XXIX edición do Festival de Bandas, do que a Banda de Música de Xinzo é anfitrioa. Con moitas edicións tras de si, a parroquia recibe este ano á Unión Musical de Valladares e á Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. O festival comezará ás 17:00h, igualmente baixo a carpa do torreiro da parroquia.

Xa habitual nas últimas edicións, o Festival de Bandas de Xinzo conmemorará ás figuras destacadas do Día das Letras Galegas. Así, adiántase ao 17 de maio coa homenaxe ás cantareiras de Galicia. Nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira e as compoñentes das Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar e as irmás Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, recoñécese a importancia da poesía pupular oral en galego e a súa paixón e dedicación á música, o que as une coa Banda de Música de Xinzo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.