“Vértigo” é a aposta gastronómica da Adega Regina Viarum en Sober

O chef arxentino Lucas Bustos deseñou unha carta inspirada nos viños da adega

Sober | Adegas Regina Viarum penétrase no mundo da gastronomía da man do chef Lucas Bustos coa apertura de “Vértigo”, un novo restaurante que ofrecerá unha proposta diferencial de maridaxe inspirada na historia e as orixes da Ribeira Sacra.

O espazo gastronómico, foi deseñado aproveitando espazos previamente non abertos ao público polo prestixioso arquitecto Juan Carlos Cabanelas. Cunhas espectaculares vistas, está deseñado con materiais nobres e sostibles seguindo unha liña estética protagonizada pola vide e en harmonía coa contorna.

“Vértigo” foi inaugurado esta mañá nun evento no que estiveron presentes Horacio Gómez e Iván Gómez, fundador e director das Adegas Regina Viarum, respectivamente; Lucas Bustos, o chef de “Vértice”; José González, conselleiro de Medio Rural e Luís Guitián, alcalde de Sober.

O chef Lucas Bustos explicou a súa particular interpretación da visión da adega e os seus viños a través dunha carta conformada por catro menús: O druída, o pescador, o cazador e a raíña. Unha carta en sete tempos centrada en ofrecer ao visitante toda unha viaxe sensorial pola gastronomía galega, apto para os padais máis esixentes.

Iván Gómez, director das Adegas Regina Viarum, destacou que “a apertura deste restaurante supón para nós unha gran aposta dentro do noso proxecto de enoturismo, xa que damos o paso para converternos nunha gastrobodega. Estamos moi ilusionados e confiamos en que será todo un éxito xa que imos da man dun dos mellores chefs de restaurantes de adegas do mundo. “Vértigo” contribuirá ademais a ampliar a oferta gastronómica e de servizos da zona cun concepto totalmente novo e innovador no sector.”

Lucas Bustos: o chef
De orixe arxentina, Lucas Bustos é un chef especializado en deseñar restaurantes de adegas, adaptando á perfección a súa cociña en virtude dos viños do lugar. Aos seus 44 anos, lidera xunto a un importante equipo, este formato de restaurantes en Adegas como Trapiche, Casarena e Ruca Malen, coa cal no ano 2014 recibiu o premio de mellor experiencia en restaurante de adega do mundo no “Global Best of Wine Tourism”.

É diplomado en Administración de Proxectos e Xestión financeira por ADEN Business School en Mendoza (Arxentina). Realizou entre os anos 2000 e 2002 un Training en Starwood Hotels, e no Culinary Institute of America (CIA), en New York, USA. Previamente xa era técnico en Administración Gastronómica con mención en Cociña Internacional polo INACAP C.I.E.S. de Santiago, Chile. Representou a Arxentina en prestixiosos eventos ao redor do mundo e a súa cociña púidose gozar en cidades como Londres, Hong Kong, Washington D.C., New York City, Chicago, Buenos Aires, Madrid, Barcelona, São Paulo e Lima.

Adegas Regina Viarum
Regina Viarum é unha das adegas pioneiras na aposta polo enoturismo na Ribeira Sacra, ademais da máis visitada de Galicia. Situada en Doade (Sober, Lugo), en pleno corazón da Ribeira Sacra, é un proxecto familiar que desde os seus inicios hai máis de 20 anos, mantense fiel á tradición vinícola da zona, sen por iso renunciar á innovación, o que queda patente tanto no seu proxecto enoturístico, actualmente en desenvolvemento, como nas súas coidadas instalacións, que converten a Adegas Regina Viarum nun dos motores principais do enoturismo tanto na Ribeira Sacra como no noroeste peninsular.