Verín abriu un novo Punto de Encontro Familiar

A Xunta de Galicia investiu 240 mil euros para garantir o benestar da infancia

Verín | O delegado da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, visitou o novo Puntos de Encontro Familiar (PEF) do concello de Verín que está operativo dende hoxe, e no que a Xunta investiu preto de 240.000 euros na súa construción, co obxectivo de garantir o benestar da infancia en situacións de desprotección derivados de procesos xudiciais ou conflitivos.

O delegado subliñou que ademais a Consellería de Política Social e Igualdade destinou 95.000 euros na adecuación do espazo exterior como zona de lecer, converténdose este recurso no primeiro PEF de Galicia con esta zona de ocio. Tamén detallou que este espazo, de uso voluntario polos usuarios e as súas familias, dispón dun peche perimetral, varios bancos e unha zona infantil con randeeiras e outros entretementos para os máis pequenos. Ademais, tamén se procedeu a plantar varias árbores.

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que todos os PEF de Galicia funcionan mediante a modalidade do concerto social a través de entidades sociais, e que no caso deste recurso será xestionado pola Fundación Educativa e Social Dignidade, ao que a Xunta destina máis de 400.000 euros ata o ano 2029.

O representante autonómico recalcou que os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son recursos que preservan a relación entre os menores e as persoas das súas familias en situación de crise. Procuran a seguridade e o benestar dos menores, favorecen os vínculos coas súas familias e facilitan o cumprimento do réxime de visitas. Son un equipamento social, de carácter neutral e especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente.

Nesta liña, sinalou que o obxectivo destes recursos é favorecer a relación entre os menores e as súas familias cando hai unha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, así como cando o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.