Vehículo a San Cristovo de Cea para a protección do medio ambiente e de espazos naturais

O Fondo de Compensación Ambiental destina este ano 11,3M€ en axudas

San Cristovo de Cea | A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o Concello de San Cristovo de Cea acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para comprobar as actuacións que se levan a cabo na defensa do medio ambiente coa axuda dun vehículo adquirido cunha achega do Goberno galego.

A través dunha axuda de 26.250 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), o Concello de San Cristovo de Cea adquiriu un vehículo tipo pick-up para a protección do medio ambiente e de espazos naturais, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

O Concello xustificou a súa adquisición na necesidade de coidar e protexer o patrimonio natural dun municipio que conta cun espazo incluído na Rede Natura como é Pena Veidosa. Ademais, dispón dunha gran riqueza arqueolóxica e paisaxística, así como lugares de interese turístico como o Mosteiro de Cea.

Atractivos todos eles que se ven incrementados por formar parte o concello do Camiño de Santiago, particularmente da Vía da Prata. A administración local carecía ata o de agora de recursos suficientes para facer fronte as actuacións necesarias para a conservación e protección de ditos espazos.

A directora xeral de Administración Local subliñou que o FCA ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos, aos que destina este ano 11,3 millóns de euros. Entre as accións subvencionables do fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.

Con estas axudas, a Xunta tamén apoiará un ano máis aos concellos na conservación da biodiversidade e a protección do medio ambiente e do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de colaborar na dotación de medios para a protección do medio ambiente, como é o caso de San Cristovo de Cea.

O obxecto destas e outras achegas habilitadas pola Xunta para colaborar cos concellos galegos é mellorar as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais a través da mellora da biodiversidade, ademais de facilitar a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, procurando satisfacer as necesidades dos habitantes e das empresas das áreas rurais.

O Concello de San Cristovo de Cea beneficiouse nos últimos anos de achegas por valor de máis de 463.000 euros procedentes das diferentes liñas de axudas habilitadas polo Goberno galego a través da Dirección Xeral de Administración Local, o que permitiu ao municipio ourensán levar a cabo actuacións a favor do medio ambiente, melloras no saneamento, obras nas infraestruturas municipais ou inversións a favor da eficiencia enerxética, entre outras.