Veciños de Ponteareas protestan contra a nova política urbana

Ante o recente reordenamento das rúas próximas á Praza Bugallal por parte do goberno municipal

Ponteareas | A recente apertura ao tráfico este 14 de xullo por parte do goberno municipal da rúa Vidales Tomé e o reordenamento da circulación en sentido único cara á rúa Morales Hidalgo, ámbalas dúas próximas á Praza de Bugallal e o Auditorio Municipal, provocou unha inmediata concentración de veciños en protesta pola alteración da política urbanística no centro urbán.

Con anterioridade, o BNG, PSdeG-PSOE e Ponteareas en Común criticaron duramente a decisión do goberno de Nava Castro (PP) de “eliminar a peonalización no centro urbán”, tal e como reflicten os seus respectivos comunicados de prensa.

Dende o goberno municipal aseguraron que este reordenamento da circulación permitirá unha mellora na mobilidade e un fluxo conxunto e seguro para peóns e vehículos.

Nas protestas dos veciños participaron algúns membros da Corporación Municipal como é o caso do representante do PSdeG-PSOE, Delfín Domínguez, a quen podemos observar nesta foto de arriba, á dereita, con camiseta gris, falando cun dos veciños que participaron na manifestación.

Nas súas redes sociais, os socialistas de Ponteareas fixéronse eco destas protestas considerando que estas novas políticas urbanas impulsadas polo goberno de Nava Castro son “unha volta ao pasado” e que as mesmas ameazan “a convivencia e a seguridade dos veciños e veciñas de Ponteareas”. Mesma interpretación fixo o BNG Ponteareas nas súas redes sociais.