Urbanización do centro de Soutomaior

Da man da Deputación de Pontevedra cun investimento de 700.000€

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este luns o convenio de colaboración co alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, para o financiamento do proxecto de reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade.

Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Lourenzo selaron un acordo a través do cal o a Deputación achega 700.000€ a través do Plan Extra para financiar unha parte dun proxecto valorado en 1,19M€.

O proxecto consiste na transformación da Alameda de Talo Río e as rúas Rosalía de Castro e Portal do Ribeiro nun espazo público accesible, sostible e funcional. Deste xeito, na Alameda de Talo Río, eliminaranse os desniveis existentes para crear unha praza única pavimentada en granito, cunha pendente suave para facilitar o uso peonil; na rúa Rosalía de Castro, promoverase a mobilidade peonil cunha plataforma única; a rúa Portal do Ribeiro tamén será reconfigurada para priorizar os peóns. Ademais, realizaranse intervencións no subsolo para actualizar as infraestruturas de saneamento e abastecemento.

“Como municipalistas que somos seguimos apelando á madurez dos concellos e á autonomía local que teñen os alcaldes e alcaldesas, ninguén mellor que eles coñecen as necesidades dos veciños. O Concello de Soutomaior entende que a reurbanización do centro urbano de Arcade era unha prioridade e en base a esa autonomía que damos aos concellos para que escollan os proxectos que eles queiran sen ningún tipo de tutela por parte da Deputación concedemos unha axuda de 700.000€”, subliñou o presidente Luis López.

Neste punto, reafirmou o mandatario provincial que a Deputación vai seguir colaborando cos concellos. En particular, o de Soutomaior ten previsto recibir este ano de mans dos plans de Cooperación do organismo provincial un total de 1,44M€. Unha cifra que podería ser maior se o Goberno central cumpre unha reclamación que abandeira a Deputación. “Que habiliten fórmulas desde o Goberno central para gastar os remanentes, porque iso lle vai repercutir a todos os concellos da provincia”, concluíu Luis López.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.