A Cañiza | O Alcalde Luis Piña informou da posta en marcha do novo servizo de oficinas móbiles da Policía Nacional para o Rural na que tamén estivo presente o Comisario Xefe da Comisaría de Vigo – Redondela, Ramiro José Gómez García e a Inspectora Xefa da Secretaría Xeral da Comisaría, Esther Arén Vidal.
Comezaron así a expedirse os primeiros DNI e pasaportes en apenas 10 minutos e nunha soa xornada, a través das novas furgonetas integrais de documentación (VIDOC), como xa tiña anunciado o Alcalde o pasado mes de marzo.
Un servizo que atenderá a 25 cidadáns por día, cun tempo de tramitación de apenas 15 minutos e que acorta a xestión que a unidade de tramitación do DNI para o rural viña xestionando en dous días ( un día para a pegada e o segundo día para a entrega). A este respecto na xornada desta mañá o Comisario Xefe comunicou que o obxectivo é acadar a expedición de 40 documentos por día.
Coa finalidade de achegar o servizo á cidadanía, outra das novidades que incorpora a VIDOC é que as furgonetas teñen incorporada a capacidade de actualizar os certificados dixitais do DNIe, xa que contan cun punto de actualización de DNIe portátil. Para este servizo non é preciso solicitar cita, podendo actualizar o documento e cambiar a contrasinal asociada, seguindo as instrucións dos axentes. Ésta é outra das melloras do novo servizo xa que os PAD atopábanse ubicados únicamente nas comisarías da Policía Nacional.
Ademáis o servizo será prestado dúas veces ao mes, na 1ª e 3ª semana de cada mes, sen interrupcións nos meses de verán, agás no mes de decembro en que nos visitarán soamente o día 1. Seguindo o mesmo procedemento que ata o de agora, os veciños que desexen renovar ou expedir os documentos terán que anotarse nas oficinas xerais municipais para solicitar ser atendidos, podendo facelo telefónicamente. Dende o Concello se lles informará do día e hora asignado, dependendo da lista de espera existente.
Segundo o calendario facilitado polo equipo móbil VIDOC do DNI e pasaportes para 2025, o vindeiro día de atención para expedición será o 20 de maio, a partires das 09:30h. As datas de expedición para os vindeiros meses quedan fixadas para os días 2 e 19 de xuño, 1 e 18 de xullo, 1 e 20 de agosto, 1 e 17 de setembro, 2 e 17 de outubro, 3 e 19 de novembro e 1 de decembro.
Os veciños que precisen de máis información sobre o funcionamento do servizo poden dirixirse ás oficinas da Policía Local sitas na planta baixa da Casa Consistorial da rúa Oriente, 11.