Unha PO-403 máis segura para Ponteareas

As reformas permitiron eliminar un treito de concentración de accidentes

Ponteareas | A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-403 en Ponteareas, cun investimento de máis de 575.000 €.

As actuacións de mellora de seguridade desenvolvéronse nun tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

Os traballos consistiron na reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Tamén se dispuxeron puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade. Ademais a intervención contemplou a incorporación dunha nova glorieta no punto quilométrico 9+900 da vía, atendendo así á solicitude dos veciños.

Esta rotonda permite a realización de certos xiros por parte dos usuarios con maior facilidade e ademais serve como medida para o calmado do tráfico nunha travesía moi transitada.

Este proxecto enmárcase na Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica que vén desenvolvendo a Xunta nos últimos anos.