
Ponteareas | En folga indefinida dende o pasado 26 de setembro, o conflito entre as traballadoras do SAF de Ponteareas e a empresa Óbolo escalou en intensidade este 28 de outubro cando o persoal sanitario iniciou un peche encerrándose durante toda a noite nas dependencias do Concello de Ponteareas para reclamar unha solución urxente ao seu conflito laboral coa empresa concesionaria Óbolo.

Tras permanecer toda a noite do 28 ao 29 de outubro no interior do consistorio municipal, as traballadoras deron por finalizada esta acción para realizar ás 10.30 horas do 29 de outubro unha concentración coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Coidados e o Apoio. Toda vez, a CIG convocou a esa hora a unha rolda de prensa nas escaleiras do Concello.
“Mantense a folga indefinida esixindo unha ‘solución urxente’ e a saída da empresa Óbolo”
As traballadoras explicaron a súa situación onde seguen a manter a folga indefinida. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (que tamén participou xunto coas traballadoras no feche durante toda a noite) anunciou que a central sindical vai levar “até as últimas consecuencias” esas demandas para esixir a rescisión do contrato con Óbolo, instando ao Goberno local a garantir unhas condicións laborais e de atención dignas no SAF.
Tensión no pleno municipal
Como xa teñen feito en anteriores plenos municipais, as traballadoras, agora acompañadas por Carril e a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, aproveitaron a convocatoria dese pleno para trasladar as súas reivindicacións á Corporación. Reclaman o pagamento puntual das nóminas, a abono das horas efectivamente traballadas, o cumprimento das medidas de prevención de riscos laborais, a conversión dos contratos a tempo completo e o respecto dos descansos legais diarios e semanais.
Preto da medianoite interveu Digna Cardoso, unha das representantes das traballadoras, que criticou tanto a xestión do Goberno local como a actitude dos dirixentes municipais que na sesión plenaria se limitaron a levar unha proposta de sanción contra Óbolo tras constatar distintos incumprimentos do contrato. Debe lembrarse que Óbolo foi recentemente suxeto a expediente por parte da Inspectoría de Traballo.
En canto á posibilidade de rescindirlle o contrato, o concelleiro responsábel, Francisco Represas, informou que aínda que se fixese esta rescisión, Óbolo podería volver a presentarse ao concurso e gañalo.
“A Alcaldesa Nava Castro acusou ás traballadoras ‘de falta de sensibilidade’ coas persoas usuarias do servizo”
Estas afirmacións, así como a alocución final da Alcaldesa, Nava Castro, acusando as empregadas do SAF de “falta de sensibilidade coas persoas usuarias do servizo”, encenderon os ánimos das persoas presentes, que interromperon a sesión ao berro de “Empresa culpable, Nava responsable”. Tras isto, a rexedora deu por suspendido o pleno ao superarse a medianoite.
O Concello presentou expediente sancionador contra Óbolo
O Concello de Ponteareas presentou no pleno ordinario a proposta de expediente sancionador cun informe do control exhaustivo realizado ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e acorda a apertura dun expediente sancionador á empresa ÓBOLO, actual concesionaria, por diversos incumprimentos detectados na prestación do servizo.
A proposta municipal inclúe varias sancións económicas por faltas graves e moi graves, derivadas do incumprimento das obrigas establecidas no contrato e na normativa vixente. Entre as principais infraccións constatadas destacan:
– O incumprimento dos prazos de envío da documentación preceptiva aos organismos competentes, como os acordos de servizo e proxectos individuais de atención.
– A falta de seguimento bimestral dos casos nos que non se requiren intervencións máis intensas, o que afecta á calidade e continuidade do servizo.
– A non dispoñibilidade dos dispositivos móbiles coa aplicación de ÓBOLO, comprometidos na oferta da adxudicataria e necesarios para a correcta coordinación e control das intervencións.
– O retraso no inicio dalgúns servizos, tanto nos prazos ordinarios como nos casos urxentes, o que repercute directamente na atención ás persoas usuarias e ás súas familias.
– A prestación de servizos distintos aos establecidos polos equipos técnicos municipais, incumprindo as pautas e obxectivos definidos nos proxectos de intervención.
– Demoras na entrega de axudas técnicas e material de protección, así como incumprimentos nas obrigas laborais e de Seguridade Social co persoal adscrito ao contrato.

As sancións propostas ascenden a diferentes importes segundo a gravidade das faltas, con multas de 3.001 euros por cada falta grave e 6.001 euros por falta moi grave, ademais de ata 1.500 euros por faltas leves. As sancións suman un total de 22.506€.
O Concello de Ponteareas, no exercicio das súas competencias de control e supervisión da execución contractual, constata que a empresa concesionaria incumpre varias das condicións recollidas nos Prego de Cláusulas Administrativas Particulares (PCAP). Por este motivo, o pleno acordou promover a incoación dun expediente sancionador e solicitar á Alcaldía a adopción das medidas necesarias para garantir a correcta prestación do servizo e a protección das persoas usuarias.
O goberno de Ponteareas sinala que velarán pola protección das persoas usuarias deste servizo ao ser as máis vulnerables, “como dixemos dende o principio estamos do lado das traballadoras pero priorizando sempre ás persoas dependentes que sen o apoio das coidadoras non poderían erguerse ou almorzar ou ter unha hixiene axeitada”. O Concello lembra que o seu compromiso coas persoas dependentes plasmouse no maior contrato para o SAF que permite maior número de horas de atención pero tamén un incremento da xornada laboral das traballadoras e subidas salarais.
O goberno avanza que a apertura dun expediente é o mecanismo legal que deben articular agora porque unha rescisión do contrato non evitaría que a empresa se volverá presentar de haber un novo concurso público.
Para o BNG urxe rescindir o contrato
O BNG acompañou ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas, que na noite deste martes realizaron un peche no salón de plenos ao remate da sesión. Durante o debate, o BNG urxiu ao goberno de Nava Castro a rescindir o contrato coa empresa concesionaria, ante os múltiples incumprimentos detectados.
O debate produciuse tras facerse pública a intención do goberno tripartito de incoar un expediente sancionador á empresa, con penalidades económicas por incorrer en ata sete incumprimentos do contrato, considerados faltas graves e moi graves. “O prego de contratación establece que as infraccións graves e moi graves poden dar lugar á resolución do contrato, polo tanto non hai escusa para non facelo”, explicou o portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó.

Bouzó denunciou que “o goberno local prefire salvar á empresa en vez de actuar con contundencia na defensa dos intereses municipais, fronte unha concesionaria que está incumprindo o contrato e mantendo en condicións precarias ás traballadoras e traballadores”.
O portavoz do Bloque sinalou tamén que “o propio informe elaborado polo Concello deixa en evidencia o deixamento de funcións do goberno local, que durante seis meses non realizou ningún seguimento a pesar das reiteradas advertencias do persoal. Foi a folga indefinida convocada polas traballadoras a que obrigou ao goberno de Nava Castro a interesarse finalmente pola situación do contrato, demostrando que sen loita non hai avances e que este goberno da dereita só se move baixo a mobilización das traballadoras e a presión da veciñanza”.




