Un restaurante sen alugueiro en Mercatea

O Concello pretende atraer proxectos de calidade centrados no produto local

Ponteareas | O goberno de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada o 14 de abril a licitación para a concesión do espazo de restauración do novo mercado municipal “Mercatea”, dando así un paso decisivo na consolidación deste equipamento como motor económico, social e comercial da vila.

A iniciativa permitirá a posta en marcha dun proxecto gastronómico de calidade, integrado no propio mercado e orientado á promoción do produto local e de proximidade, contribuíndo á dinamización do comercio e á atracción de visitantes.

O espazo sitúase na torre anexa á Praza de Abastos, cun acceso independente e distribuído en planta baixa e dúas plantas superiores, cunha superficie aproximada de 65,17 m² por planta, estando destinado exclusivamente a uso de restaurante.

A concesión terá unha duración de 15 anos, prorrogable por 5 máis, e baséase nun principio claro: facilitar a implantación de proxectos sólidos eliminando barreiras de entrada. Así, o Concello establece un canon de 0 euros durante toda a concesión, polo que o adxudicatario non pagará alugueiro, asumindo unicamente os custos derivados da actividade e dos subministros. A cambio, a persoa concesionaria deberá asumir a adecuación integral do espazo, así como a dotación de instalacións, maquinaria e equipamento necesarios para desenvolver un proxecto gastronómico á altura do potencial de “Mercatea”.

O procedemento de adxudicación priorizará a calidade fronte a calquera outro criterio, cun sistema de valoración que alcanza os 100 puntos:

– Obras de adecuación e mellora do espazo: ata 35 puntos

– Mobiliario e equipamento: ata 30 puntos

– Plan de explotación: ata 35 puntos

Valorarase especialmente a proposta gastronómica, o uso de produtos locais, a integración co mercado e a capacidade de dinamización mediante actividades que convertan “Mercatea” nun espazo vivo.

Unha vez publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, as persoas interesadas disporán dun prazo de 15 días naturais para presentar as súas propostas . As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou polos medios establecidos, incluíndo a entrega dun sobre pechado coa documentación administrativa e unha memoria técnica na que se detalle o proxecto de restauración, as obras a realizar, o equipamento e o plan de explotación.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, destacou que “o novo mercado municipal Mercatea é unha peza clave na transformación de Ponteareas, e con esta licitación damos un paso decisivo para convertelo nun espazo vivo, moderno e atractivo”.
“Estamos a crear as condicións para atraer proxectos gastronómicos de calidade, eliminando o alugueiro pero esixindo compromiso, investimento e unha proposta que aporte valor real á vila”, engadiu.

A rexedora subliñou ademais que “queremos que Mercatea sexa un referente comarcal, un punto de encontro que impulse o comercio local e xere novas oportunidades económicas”. Con esta iniciativa, o goberno municipal reafirma a súa aposta por un modelo de desenvolvemento baseado no impulso do comercio de proximidade, na dinamización urbana e na creación de espazos de referencia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.