• Segue conectado
  • |

Un recital de poemas para conmemorar o Día de Rosalía na Guarda

Un recital de poemas de Rosalía celebrouse na Casa do Alonso para conmemorar o Día de Rosalía.

A Guarda | Como en anos anteriores a Guarda ten moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.

A iniciativa Caldo de Gloria continúa en 8 establecementos de hostalaría.

A Casa dos Alonso acolleu este luns día 24 de febreiro un Recital de Poemas para conmemorar o Día de Rosalía, contando coa participación de Maruxo, Julia Sobrino, Do Lusco ó Fusco interpretando Castellanos de Castilla, Xamaraina interpretando Negra Sombra en danza, Coiro Vello, Paliqueiras, Chuny Alonso e Mª José Baz interpretando ¡Calade!, Carmen do Santos da Asociación Fibromiño interpretando “Dicen que no hablan las plantas”, Mulleres Progresistas, Avelaína, entre outras incorporacións última hora.

Tamén se conta coa exposición de fotografías de Xurxo Lobato repasando a vida e obra de Rosalía de Castro ata o 8 de marzo na Casa dos Alonso.

Exposición fotográfica
“Airiños aires, Rosalía”, é unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.

A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán ata o 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. “Airiños Aires, Rosalía”, permítenos emprender unha viaxe singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou. A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía. Na última parte da exposición,“Airiños Aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.

O autor da obra, Xurxo Lobato, fixo unha visita guiada aos asistentes da inauguración, explicando cada imaxe e indicando que é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela… E unha muller que tamén ama a natureza”.

O fotógrafo manifestou que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinala que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.

Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo.

A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso ata o 8 de marzo en horario de Luns a Venres de 8:00 a 15:00h e as fins de semana en horario de 11:00h a 14:00 e de 16:00h a 19:00h.

Caldo de Gloria
Un total de oito establecementos de hostalaría da Guarda sumáronse este ano á iniciativa Caldo de Gloria, enmárcada no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema “ Miña casiña, meu lar”. Este ano participaron na iniciativa: Arruaz, Celtic, Alborada, Cangrexal, Casa de la Abuela, La Casilla, Camping Santa Tecla e Enxebre.

Rosalía nas redes
Por último revalidase a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante esta última semana de febreiro compartindo contido nas Redes sobre a vida e obra da autora. Todos aqueles que queiran achegarse á iniciativa poden crear e subir contido e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda co hashtag #Rosalíate ou #Rosalíanasredes

Publicado o 24 Feb 2020 en A Guarda, Cultura, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies