Un ourensán foi nomeado Fillo Adoptivo de Oviedo

Trátase de Manuel Fernández Quevedo, de Nogueira de Ramuín

Oviedo | O Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo acolleu o acto institucional do nomeamento de Hijo Predilecto ao cantante ovetense Ramón Melendi, no que tamén se recoñeceu, como Hijos Adoptivos a Manuel García Linares, Evaristo Arce, Amelia Valcárcel, Eduardo Úrculo, (este a título póstumo) e a Manuel Fernández Quevedo, ourensán de Loureiro (Concello de Nogueira de Ramuín).

“Non sei se algunha vez poderemos devolvervos todo o que nos destes. Pero este sentido recoñecemento, que facemos en nome de todos os ovetenses, fíxovos eternos”, asegurou o alcalde, Alfredo Canteli.

E mirando cara a Manuel Fernández Quevedo, Canteli asegurou: “Din que os galegos están en todas partes, ata na lúa. E, como non podía ser doutra forma, en Oviedo tamén temos o noso. Un galego de pura raza: Manuel Fernández Quevedo, amigo Manolo. Que sorte a nosa por poder contar contigo en todas as ocasións, como ben di o noso himno. E digo en todas porque Manolo sempre está dispoñible cando se lle necesita. A súa implicación, a súa constancia e a súa entrega coñécena ben na maioría de movementos asociativos da cidade, con quen colabora habitualmente para promocionar a cultura e tamén o Camiño de Santiago. Cando fundou a asociación ‘Día de Galicia en Asturias’, na década dos noventa, o seu obxectivo era promover e defender o patrimonio galego na nosa rexión. E logrouno. Vaia se o fixo. Pero no seu camiño, conseguiu moito máis.

Impulsou as relacións astur galaicas e o irmandamento constante entre ambas as comunidades a todos os niveis (social, cultural, institucional e empresarial) como poucos o facían antes. E, co paso dos anos, o seu amor incondicional por Oviedo converteuno en embaixador permanente da nosa cidade. Manolo, recibe o noso máis sincero agradecemento. Sabes que nesta terra, que tanto che deu e pola que tanto traballaches, admirámosche e querémosche”. Na foto o alcalde Alfredo Canteli, á esquerda, entregando a Manuel Fernández Quevedo o título de Fillo Adoptivo de Oviedo.