Un Día de Rosalía con poesía, música e talento infantil

Na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Vigo | Os versos de Rosalía de Castro encheron esta tarde de maxia e poesía o Casco Vello de Vigo desde a sede da Deputación, situada moi preto dos talleres de Juan Compañel nos que se imprimiu en 1863 Cantares Gallegos. A autora galega máis universal foi homenaxeada no 184º aniversario do seu nacemento nun emotivo acto que contou coa música en directo de Uxía Senlle, a lectura por parte de Anna R. Figueiredo do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega que recorda e enxalza á poetisa e novelista, o recitado dos seus poemas a cargo de rapazas e rapaces do CEIP Altamar, e a imaxinación e o talento artístico dos pequenos e pequenas da provincia expresados nos mil traballos presentados ao concurso de debuxo “A nosa Rosalía”. A imaxe da poetisa, acompañada dunha cita do seu texto Lieders, considerado o primeiro manifesto feminista de Galicia e publicado en Vigo en 1858, foron proxectados na fachada da sede tralo acto, ao igual que se fixo no Pazo Provincial, sede da Deputación en Pontevedra, e nos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal.

O acto de conmemoración do Día de Rosalía, ao que Uxía Senlle puxo melodía coa interpretación de tres pezas, -a primeira delas “Rosalía pequeniña”, seguida de “Bos amores” e “Deiche o corazón na mán”- celebrouse na sala principal da sede viguesa, que leva precisamente o nome da escritora. Alí estaban presentes figuras do mundo da cultura, a política e o tecido social da cidade e a área metropolitana xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde Abel Caballero. “Rosalía é o epítome da muller galega adiantada ao seu tempo. Loitadora, inconformista. É a nosa referencia como pobo, está máis presente que nunca, e o seu pensamento é noso pero tamén universal”, proclamou a máxima responsable da institución provincial, que cualificou de “emocionante celebrar este acto nesta sala que homenaxea a Rosalía, nesta sede na que todos os espazos levan nome de muller, e tan preto do lugar no que se imprimiu Cantares Gallegos”.

A presidenta reivindicou á gran figura das letras galegas como pioneira do feminismo e comprometida coas causas sociais. “Temos a sorte de ser un pobo cunha muller como símbolo. Rosalía foi feminista, amaba á súa terra e denunciaba as inxustizas, pero tiña unha mirada optimista sobre Galicia. Hoxe celebramos o día do seu nacemento, e tamén a súa vida e obra. Representa o noso pobo, a nosa lingua, e o noso pensamento”, destacou Carmela Silva.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou na súa intervención que “cada vez que alguén le a poesía de Rosalía, fai que estea viva, e deste xeito fai tamén que siga para sempre connosco”. O rexedor sinalou que a escritora galega e universal “deixou a súa profunda pegada na historia deste país expresando o que sentía por esta terra, a querencia polo seu lugar de nacemento, cantando ás súas fontes e ríos, por iso é parte da nosa forza e todas e todos somos Rosalía”. Caballero felicitou á Deputación pola celebración do acto e lembrou que en Vigo publicouse a obra que “cambiou para sempre na nosa historia” e deu orixe ao Rexurdimento.

Pola súa banda, a deputada de Lingua, María Ortega, subliñou que “é preciso poñer en valor o compromiso e amor pola terra de Rosalía, unha pioneira do feminismo que se alzou como unha voz forte e firme”. A deputada avanzou que a institución provincial desenvolverá diversas iniciativas nos concellos “enxalzando a figura de Rosalía, a súa obra e a súa loita”.

“Un acto de rebeldía”!
A escritora Anna R. Figueiredo deu lectura ao manifesto co que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora o Día de Rosalía, e que ela elaborou. “Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire como cen saetas. Non precisamos máis, só mirar, Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora de pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e crear un país sublime”, subliñou.

Lectura de versos e premios
A Deputación quixo que as rapazas e rapaces foran protagonistas do Día de Rosalía e un dos momentos especiais transcorreu durante a lectura por vía telemática de versos da escritora por parte de Maia Leirós, Alba Santamaría, Zoe Gameiro, Roi Lamas, e Daniela Camiña, cinco alumnas e alumnos do CEIP Altamar de Vigo, xunto aos que participou no acto a súa mestra Olaia Saborido. A presidenta Carmela Silva resaltou que “os rapaces e rapazas son herederos e herederas da nosa lingua e da nosa cultura, e desde a Deputación queremos deixarlles como legado o pobo que somos e a grande muller que é Rosalía”.

O concurso infantil “A nosa Rosalía” recibiu preto de mil debuxos desde 4o centros e 20 concellos e amosan a magnífica resposta recibida por parte das e dos escolares e os seus mestres e mestras a esta iniciativa. A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, deu a coñecer a lista de gañadoras e gañadores destes premios, que consistirán en agasallos para os e as galardoadas e os seus centros. Na categoría “Campaniñas”, para escolares de 6 a 8 anos, o premio especial foi para Nicolás Coronel, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo), e se seleccionaron os traballos de Pablo Pereira Barreiro, do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei); Teba Martínez Sanmartín, do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo) e Clara Montenegro, do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar. Na categoría “Airiños”, de 9 a 11 anos, levou o premio especial Malena Jamardo Cravello, do CEIP Alfonso VII Caldas de Reis e seleccionáronse os debuxos de Nerea Alonso, do CEIP Carballal de Cabral (Vigo); Nuria Figueira, do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) e Érika Rodriguez Alvarez, do CEIP Sobrada (Tomiño). A maiores, tamén conseguiu un primeiro premio Álex González, do Centro de Educación Especial de Vilagarcía.

Outros artigos