Un centro urbano máis seguro para Ponteareas

O Concello instala 16 cámaras en oito puntos

Ponteareas | “As cámaras na rúa teñen unha grande importancia para a seguridade viaria, xa que contribúen a previr accidentes e mellorar a resposta ante emerxencias”, explicou o tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos Glez. Carrera durante a visita ás instalacións da Policía Local onde se atopa o ordenador central que recolle as imaxes das cámaras. O goberno aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a seguridade viaria.

O Concello de Ponteareas conta xa con 16 cámaras instaladas en oito puntos diferentes do centro urbano grazas ao apoio da Deputación que a través do Plan +Provincia subvencionou con 26.378€ este avance na mellora da seguridade no tráfico.

Ata as oficinas da Policía Local desprazáronse a alcaldesa Nava Castro, o tenente de alcaldesa Juan Carlos Gzlez. Carrera e a concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista, onde a oficial xefa da Policía Local explicou o funcionamento das cámaras e as vantaxes deste sistema. No encontro tamén estivo o tenente xefe do Posto Principal da Guardia Civil en Ponteareas, Santiago Rodríguez, acompañado de efectivos do posto local.

Para González Carrera as cámaras supoñen un novo recurso para o control de tráfico en zonas de colexios públicos e moito tránsito. A oficial xefa destacou que tamén amplia as posibilidades na resolución de conflitos de tráfico.

Mellora da seguridade e redución de sinistros
As cámaras disuaden aos condutores de exceder os límites de velocidade ou utilizar o teléfono mentres conducen, explicou Glez. Carrera ademais de contribuír na redución de situacións que comunmente causan accidentes, como o exceso de velocidade ou os xiros indebidos.

“A instalación de cámaras de vixilancia do tráfico é unha medida que pode axudar a incrementar a seguridade nas rúas do centro urbano. A mera instalación destas terá efecto disuasorio e non me cabe dúbida que reducirán as infraccións e axudarán a esclarecer contratempos de tráfico”, adiantaba o tenente xefe da Guardia Civil.

Na mesma liña, González Carrera sinalou que, en caso de accidente, as gravacións poden ser fundamentais para determinar responsabilidades legais e aclarar os feitos. “Ademais as cámaras permiten monitorear en tempo real o fluxo de tráfico e responder rapidamente a conxestións, desvíos ou incidentes.

Tamén axudarán en termos de sensibilización e educación xa que os rexistros poden utilizarse en campañas educativas para mostrar os efectos reais de condutas irresponsables.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.