Un ano de guerra.

A un ano da invasión militar rusa a Ucraína (24 de febreiro de 2022), catro reflexións permítenos analizar o estado dun conflito que sacudiu definitivamente os cimentos da ‘posguerra fría’ instaurada desde 1991.

1. Rusia ante a guerra de Putin
“Non se pode derrotar a Rusia no campo de batalla”. A declaración de Putin ante a Duma estatal este 21 de febreiro exemplifica que o Kremlin non está disposto a mover un ápice o seu mantra que xustificou a invasión militar: “desnazificar a Ucraína” e “protexer aos nosos irmáns rusofalantes” dentro do esquema de reunificación do russkiy mir, o ‘mundo ruso’. Obxectivos que, en clave xeopolítica, significan afastar a Ucraína da órbita de influencia occidental establecendo un ‘cordón sanitario’ similar á reprodución dun novo ‘Pano de Aceiro’ da ‘guerra fría’.

Alén dos intereses xeopolíticos contrapostos entre Occidente e Rusia, o efecto pernicioso desta guerra condicionará as relacións entre rusos e ucraínos durante as xeracións por vir. A presenza militar rusa e o proceso de ‘desrusificación’ a ultranza que leva adiante Kiev alteran ese factor de equilibrio que o historiador ucraíno Serhii Plokhy outorgaba ás relacións ruso-ucraínas dentro do espazo euroasiático post-soviético. Así, a guerra ucraína é tamén unha consecuencia directa da tormentosa transición postsoviética atizada polos intereses xeopolíticos do ‘hegemon‘ estadounidense de converter a esa ex república soviética nunha peza estratéxica orientada a repeler calquer tipo de ‘resurrección’ do poder ruso.

“Como ven os rusos a guerra de Putin é tamén un feito significativo para definir cara onde se encamiña Rusia”

Como ven os rusos a guerra de Putin é tamén un feito significativo para definir cara onde se encamiña Rusia. Entre a censura, a propaganda e o reforzamento do nacionalismo non se observan fisuras significativas contra a ‘guerra de Putin’ dentro da sociedade rusa; con todo, sectores disidentes lle critican o seu presunto dano á ‘identidade nacional’ converténdose nun país agresor e rompendo así a épica histórica patriótica coa que se construíu Rusia desde a II Guerra Mundial. Pola súa banda, Putin impulsa con convicción unha especie de “cruzada civilizadora” amparada nos valores tradicionais rusos contra a “decadencia occidental” e a súa ‘perniciosa’ influencia.

Este conflito serviu igualmente a Putin para acelerar unha especie de purga interna que permita configurar os trazos da ‘nova Rusia‘. A mobilización parcial decretada en setembro pasado implicou tamén un novo equilibrio de poder entre unha Rusia ‘profunda’ máis proclive a obedecer á prikaz (a ‘orde’) do Kremlin e unhas elites urbanas máis occidentalizadas, contrariadas e polarizadas ante as tensións ruso-occidentais coa guerra ucraína e as consecuentes sancións exteriores.

No seu discurso ante a Duma estatal, Putin culpaba a Occidente da guerra ucraína como ferramenta para “destruír Rusia”. Lonxe de observar un desmoronamento da economía rusa polas sancións occidentais ou dun illamento ruso ‘á norcoreana‘, tampouco existen indicios de cambio político nunha Rusia que inicia un proceso de ‘des-occidentalización‘.

Non haberá ‘Primavera rusa‘ senón que máis ben se acicalará un réxime cada vez máis nacionalista de tintes militaristas que consolidará aliados na Asia emerxente (China, India) e noutras latitudes (África, América Latina). Toda vez recrea a sensación de ‘superpotencia’ que no seu momento significou a URSS, Putin prepara aos seus cidadáns a unha guerra de longo alcance e resultados incertos.

2. A división e ‘satelización’ de Ucraína
Ao presidente ucraíno Volodymir Zelenski se lle ten cualificado en Occidente algo así como un ‘novo Churchill’, epíteto simplista que esconde unha serie de carencias que condicionan o futuro de Ucraína. Nunha guerra lastrada pola desinformación e a propaganda, o porvenir deste país vese seriamente en risco… e non só produto da invasión militar rusa.

Condicionado pola axuda militar occidental e viciado por unha estrutura interna de corrupción e de reforzamento de poder de sectores radicais, Kiev encamíñase a converterse nunha especie de protectorado da OTAN (o que é dicir tutelado por Washington) amparado nos intereses doutros actores (Polonia) que sacan proveito do novo contexto xeopolítico. A visita do presidente estadounidense Joe Biden a Zelenski en Kiev e posteriormente á capital polaca Varsovia da a entender os plans da Casa Branca ante a nova fase do conflito.

“Kiev encamíñase a converterse nunha especie de protectorado da OTAN”

A destrución das infraestruturas ucraínas será igualmente o laboratorio de grandes negocios para empresarios, occidentais e rusos, configurando así novas elites de poder. Toda vez, os millóns de refuxiados ucraínos espallados por Europa implican un problema humanitario de difícil encaixe na perspectiva dun retorno incerto ao seu país.

Nun conflito atascado que agarda con preocupación a nova fase bélica, as cartas da división territorial de Ucraína están completamente seladas e definifirán a nova fisonomía xeopolítica de Europa oriental.

3. Próxima parada: China
A guerra ucraína é un apéndice da próxima confrontación que se ‘cociña’ a fogo lento: Occidente contra China. A provocadora visita a Taiwán da agora ex presidenta do Congreso estadounidense Nancy Pelosi en agosto pasado serviu como punto de partida da carreira armamentista e de alianzas xeopolíticas dentro da cada vez máis volátil contorna asiática: Xapón volve coas súas aspiracións militaristas; fálase dunha ‘OTAN asiática’; a CIA predice unha guerra con China en 2025…

Beijing aposta pola mediación e o diálogo en Ucraína sen desestimar que Rusia é un aliado estratéxico, particularmente como fornecedor de materias primas (gas, petróleo, minerais) a prezo de saldo. Non obstante, a guerra ucraína frea o circuíto económico global que prexudica a unha economía netamente exportadora como a chinesa. Por tanto, os difíciles equilibrios da ‘China de Xi’ con Occidente dificilmente leven a unha ‘entente cordiale’. Velaí que actualmente Beijing busca recuperar o seu peso global adiantando unha proposta de paz cuxa resposta dende Washington aumenta a tensión, acusando a China de presuntamente armar ao seu aliado ruso.

“A dirixencia chinesa coñece perfectamente o ‘cordón sanitario’ que contra Beijing está tecendo a Casa Branca cos seus aliados”

A dirixencia chinesa coñece perfectamente o ‘cordón sanitario’ que contra Beijing está tecendo a Casa Branca cos seus aliados (especialmente Gran Bretaña) nas súas esferas de influencia no sueste asiático, ampliado a Xapón e Australia (pacto AUSKUS) Taiwán vería a ser así como unha especie de ‘Ucraína’ para China: a posibilidade de converterse nun conflito a gran escala con Occidente e os seus aliados asiáticos.

Obviamente, isto non é exactamente unha consecuencia directa da guerra ucraína pero a mesma acelerou de xeito vertixinoso este escenario durante 2022 e predice o seu avance nesa dirección este 2023.

4. A ‘nova orde global’: ‘balanza de poder’ do século XIX no XXI
Tras tres décadas de incontestable globalización neoliberal e do hexemónico ‘Consenso de Washington’ entramos na fase dunha ‘nova orde global’ que pouco ten que ver coa que predixo Bush pai en 1991.

“Volvemos ao militarismo e á xeopolítica de bloques similar á ‘balanza de poder’ da Europa post-napoleónica”

Volvemos ao militarismo e á xeopolítica de bloques similar á ‘balanza de poder’ da Europa post-napoleónica de 1815 que sucumbiu coa I Guerra Mundial de 1914. Esta nova balanza de poder está hoxe contextualizada coa disuasión nuclear como ferramenta clave, a cibernética e novos instrumentos de guerra (drones, guerras híbridas) con capacidade de incidencia cada vez máis global. Se os factores de poder entre 1890 e 1914 auguraban a inevitable confrontación entre Gran Bretaña y Francia contra o Imperio alemán, hoxe esa diagnose se mide entre EE.UU e China, con Rusia, India, Irán, Turquía, Israel e Arabia Saudita, entre outros, como actores complementarios.

Recentemente Putin anunciou a retirada rusa do tratado nuclear START suscrito con EEUU, un feito que acelera unha carreira armamentista que xa viña in crescendo e novos equilibrios e alianzas militares. Isto implicará unha OTAN que despraza o seu centro de atención do Atlántico ao Pacífico coa pretensión velada de obstruír calquera ascenso de China e dos seus aliados euroasiáticos, especialmente Rusia pero tamén Irán e Corea do Norte.

Un ano despois crece a perspectiva de que a guerra ucraína deixará un resultado ‘de táboas’ en termos de xadrez: non haberá vencedores nin vencidos absolutos, só actores que buscarán o seu sitio na ‘nova balanza do poder global‘ que comeza a delimitar este século XXI. Unha balanza de poder na que Europa volve a demostrar practicamente a súa insignificancia política, sometida aos imperativos ‘atlantistas’ de Washington que ve ‘renacer’ unha OTAN contra dous inimigos de nivel: China e Rusia, para beneplácito dos ‘falcóns’ e das ‘liñas dura‘ de tódalas latitudes.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.