Unha “Corea do Norte” para Europa.

En decembro pasado, o representante de Política Exterior e de Seguridade da UE, Josep Borrell, cualificou a Rusia como “a Corea do Norte de Europa“. Asegurou que o de Putin é “un réxime autoritario con armamento nuclear”. Desde entón, o símil comparativo entre a Rusia de Putin e a Corea do Norte de Kim Jong-un reproduciuse como unha especie de mantra en diversos medios de comunicación, tanto por parte de autoridades como de expertos en política internacional.

Xorden así varias interrogantes: estas declaracións de Borrell, son un esforzo por plasmar un desiderátum ou son produto dunha análise real? Está tan illada Rusia como para parecerse á Corea da “dinastía Kim”? Por que as sancións europeas non terminan de provocar o “desexado” (en Occidente especialmente) cambio de réxime en Moscova ou ben o debilitamento económico ruso? Nun contexto determinado pola guerra na Ucraína, pode Putin sobrevivir como ven sucedendo dende fai sete décadas co rexime da “dinastía Kim” en Pyongyang? Está en marcha un “modelo Coreade facto para tentar por fin á guerra en Ucraína, un armisticio como o que existe na península coreana e que cada vez observamos máis ‘propagado’ nos medios a través de altos funcionarios ou expertos?

É evidente que, ao calor deste conflito bélico, a alianza entre Rusia e Corea do Norte ampliouse agora en materia económica e militar. Compre observar que, se ben Moscova e Pyongyang manteñen relacións normais dende a “guerra fría”, non eran tan fluídas (e nalgúns casos incluso pouco cordiais) como as que ten o réxime norcoreano con China, o seu principal aval exterior. Rusia forma parte do “Grupo dos Seis” que monitorea a tensión nuclear na península coreana e, con frecuencia, ten favorecido a Pyongyang ante os organismos internacionais. Así, o reforzamento da conexión Moscova-Pyongyang é, por tanto, outro efecto colateral na xeopolítica global propiciado pola guerra ucraína.

“É evidente que, ao calor deste conflito bélico, a alianza entre Rusia e Corea do Norte  ampliouse agora en materia económica e militar”

Para Rusia, o réxime norcoreano supón un discreto salvavidas económico ante as sancións exteriores pero, principalmente, lle permite proveerse de armamento para seguir mantendo o esforzo bélico en Ucraína. Un xeito moi similar ao reforzamento das relacións rusas coa República Islámica de Irán, país que lle outorga a Putin os drones para manter a ofensiva en territorio ucraíno.

Este contexto tamén permite observar como Rusia fortaleceu de súpeto a súa relación cos outros membros dos BRICS, sendo estes China, India e Sudáfrica, este país africano con quen Moscova e Beijing veñen realizando exercicios navais conxuntos con expectativas de posicionamento xeopolítico no Océano Índico. Estas alianzas de Rusia e China manteñen en alerta a Occidente, que busca alterar estes equilibrios a través dos recentes convenios militares entre EEUU, Gran Bretaña, Xapón e Corea do Sur, incluso en materia nuclear.

Sen incidencia directa nesta ecuación, o Brasil co retorno de Lula buscará normalizarse tralas recentes crises políticas para volver a tentar “reimpulsar” uns BRICS co foco na guerra ucraína. Putin e China observan con interese ese retorno do protagonismo de Lula na escena internacional como mediador efectivo para tentar unha iniciativa diplomática de resolución do conflito ucraíno. Pero a crise brasileira tralo asalto “bolsonarista” aos poderes públicos en Brasil condicionará estas pretensións dun retorno do protagonismo global de Lula. Con todo, veremos un BRICS con outras amplitudes, máis de calado xeopolítico, ante as tensións militaristas da actualidade?

Rusia mantén igualmente relacións fluídas coa Venezuela de Maduro, hoxe en proceso de ‘normalización‘ das súas relacións diplomáticas con EE.UU e Europa, os principais detractores do ‘madurismo’. Business is business: a desconexión enerxética rusa de Occidente obriga a buscar novos socios para Washington e Bruxelas, así sexa a través dun aliado de Putin como Maduro. Por outra banda, Rusia segue a ter aliados en América Latina como Cuba, Nicaragua, Arxentina e Bolivia aínda que a súa presenza hemisférica non é tan firme como a de China, especialmente no plano económico e comercial.

Con non menores focos de tensión e polarización ante a guerra ucraína (en particular no corresponde ao exilio de milleiros de rusos) Moscova segue mantendo as súas esferas de influencia no espazo euroasiático, particularmente en Asia Central e o Cáucaso, aínda que con efectos dispares para os seus intereses. A diferenza da histórica Pax Russica nesa rexión, China comeza a ter unha forte presenza, factor que pode traducir roces e rivalidades xeopolíticas con Rusia. Caso aparte é Bielorrusia, probablemente o aliado máis fiel de Putin neste espazo territorial. Minsk tantea incluso unha nova relación confederal con Rusia toda vez coopera militarmente dentro do contexto ucraíno.

Se imos ao espazo UE, temos á Hungría de Viktor Orban que lle compra petróleo a Putin en rubros, a moeda rusa, tal e como quere o Kremlin para fortalecer a súa divisa ante as sancións occidentais. No espazo non comunitario, Serbia é tamén un histórico aliado ruso.

“Se imos ao espazo UE, temos á Hungría de Viktor Orban que lle compra petróleo a Putin en rubros, a moeda rusa”

E tamén África ve a Rusia como socio comercial. Alxeria, República Centroafricana, Exipto, entre outros, son países cada vez máis próximos ás esferas de influencia rusas.
Por tanto, son moitas as variables de certifican por que Putin non está tan illado como en Occidente agardan.

Toda vez, o Kremlin prepara á sociedade rusa para a militarización e unha longa guerra en Ucraína. Se ben non está alcanzando a plenitude os seus obxectivos militares inicialmente trazados, é palpable que a invasión militar a Ucraína está alterando moitas das regras do xogo sen menoscabar que Rusia tamén obtén ganancias xeoeconómicas rompendo o corazón da estrutura económica ucraína mentres ‘resucita’ o Pano de Aceiro da “guerra fría” con Occidente.

En ruso, o vocablo кремль, kremlin fai referencia á fortaleza dunha cidade, concibida esta como bastión defensivo. Co respecto a Occidente, pode que esa sexa a mentalidade que os líderes do Kremlin estean manexando actualmente para Rusia. E pode tamén que esta idea estivera na cabeza de Borrell á hora de cualificar á Rusia de Putin como a “Corea do Norte de Europa”, aínda que non fora exactamente tan asertivo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.