Ucraína e a “cuestión polaca”

Na política das grandes potencias de finais do século XVIII houbo un tema de importancia capital: a denominada “cuestión polaca”. En 1772, 1792 e 1795, este país viviu sucesivos repartos territoriais derivados de conflitos bélicos entre as potencias de entón, sendo estas Prusia, convertida a partir de 1871 en Imperio alemán; o Imperio zarista ruso; e o Imperio Austríaco, reconvertido en austrohúngaro a partir de 1867.

A independencia de Polonia en 1918 trala desaparición deses imperios coa finalización da I Guerra Mundial abriu un novo capítulo na historia contemporánea dese país. Non obstante a súa independencia e o aliñamento polaco coas potencias militares europeas (Francia e Gran Bretaña) vencedoras da primeira gran conflagración mundial, Polonia volveu a sufrir un novo reparto territorial en 1939 co pacto Hitler-Stalin, en vésperas da II Guerra Mundial.

Toda vez, a vitoria aliada en 1945 contra o nazismo significou, de novo, outra especie de reparto de esferas de poder: ocupada militarmente pola URSS, Polonia entrou así na órbita socialista ata 1989, coa caída do Muro de Berlín. A transición post-comunista en Polonia foi consolidando nestas últimas tres décadas un modelo fortemente conservador, cun nacionalismo revisionista cada vez máis acentuado hoxe nas mans do Partido Lei e Xustiza (PiS), no poder desde 2015.

Por qué é importante hoxe
O lector preguntará, acertadamente, que ten todo isto que ver coa guerra na Ucraína. Moito, tomando en conta a reestruturación de esferas de influencia e de intereses xeopolíticos derivados deste conflito, principalmente entre a OTAN, EE.UU e Rusia.

“Polonia (…) pode erixirse como un actor de poder beneficiado polo conflito ucraíno”

Nesta reestruturación da xeopolítica rexional, Polonia (que non debemos esquecer é membro da OTAN desde 1999 e da UE desde 2004) pode erixirse como un actor de poder beneficiado polo conflito ucraíno.

Poñamos algúns datos na mesa. Por compartir fronteira con Ucraína, Polonia é o país que máis refuxiados recibiu da guerra ucraína, máis de dous millóns de persoas.Tomando un paralelismo recente, constituíu algo similar ao ocorrido con Turquía (outro membro da OTAN) en 2015 cos refuxiados sirios. Historicamente, Polonia mantivo unha posición amplamente antirrusa salvo períodos concretos de neutralización como foi a “guerra fría” (1947-1989) No contexto actual, Varsovia ten mantido unha posición netamente pro-ucraína e de apoio ao seu presidente Volodymir Zelenski neste conflito con Rusia.

Esta perspectiva denota que o desenvolvemento da guerra ucraína afectaría directamente a Polonia. En outubro, o presidente polaco Andrezj Duda pediulle á EE.UU a posibilidade de despregar armamento nuclear da OTAN en territorio polaco, en clara alusión á “ameaza rusa”. A resposta de Washington e da Alianza Atlántica foi de absoluta cautela, aínda que non de desinterese.

En novembro pasado, un mísil que caeu en territorio polaco e provocou dous civís mortos encendeu moitas das alarmas principalmente naqueles sectores de “falcóns” militaristas e da “liña dura” política tanto en Polonia como en Ucraína. Este escuro incidente definía posibilidade dun enfrotamento militar aberto entre Rusia e a OTAN, tomando en conta o presunto ataque ruso contra un país membro da Alianza Atlántica como Polonia. Isto permitiría evocar o famoso artigo 5 desa organización que se resume en que tódolos membros da OTAN asistirán militarmente ao seu socio agredido contra o país agresor.

As teses inmediatas en Varsovia e Kiev en torno ao mísil foron apuntar sen probas contundentes contra Rusia. Pola súa banda, Moscova sempre negou a acusación. Pero Washington e a OTAN foron máis cautos: consideraron que o mísil foi enviado “por error” por forzas ucraínas. Como membro “fiel” da Alianza Atlántica, Polonia aceptou, probablemente a regañadentes, esta decisión “otanista”; non así Zelenski, quen segue acusando a Rusia do ataque do mísil. Isto provocou un “toque de atención” por parte de Washington ao presidente ucraíno que revelou un clima de certa incomodidade dentro da Alianza Atlántica con Zelenski.

Era evidente que as reaccións non ían a tardar dende Moscova. Tras o bluff do mísil en Polonia, o xefe da intelixencia rusa, Sergei Naryshkin, asegurou que Polonia “está lista para anexar territorios na Ucraína occidental”, o cal poría en evidencia os plans de Varsovia ante o posible reparto territorial (desta vez non polaco senón ucraíno) ao carón desta guerra.

Algo debe estar sucedendo para que o goberno polaco xa anuncie que, para 2023, vai chamar a 200.000 civís para adestramento militar ante un “posible ataque ruso”.

O proxecto Intermarium: estamos ante unha “cuestión ucraína”?
Declaracións incendiarias (ou “reveladoras”, depende como se mire) a parte, está claro que se está ‘cocinando a fogo lento’ a posibilidade dun novo posible reparto xeopolítico no Leste europeo, en plena fronteira coa UE, a tenor da guerra ucraína. Pero agora a cuestión non é “polaca” senón “ucraína” e a propia Polonia entraría no bando dos actores beneficiados do reparto de esferas de poder.

“Agora a cuestión non é ‘polaca’ senón ‘ucraína’ e a propia Polonia entraría no bando dos actores beneficiados do reparto de esferas de poder”

E aquí imos deternos nun vello proxecto histórico na que Polonia ten un papel primordial e que as elites polacas sempre aspiraron retomar, sorte de reconstrución dunha especie de “Gran Polonia” con raíces históricas no século XVI: o denominado Intermarium (Międzymorze en polaco) coñecido como a “Estatexia dos Tres Mares”, referíndose aos mares Báltico, Negro e Adriático. Neste contexto 2022 da guerra ucraína, a iniciativa contaría co visto bo e a posible “luz verde” por parte de Washington, o que é dicir o centro de poder desa noción xeopolítica que comunmente denominamos “Occidente”.

Vaiamos, pois, á explicación histórica do que é o Intermarium. En resumo, é un proxecto procreado a finais do século XVI que pretendía emular unha especie de Commonwealth polaco-lituana dende o Mar Báltico ata o Mar Negro. Os anteriormente denominados repartos territoriais de Polonia desde 1772 ralentizaron, mais non sepultaron, este proxecto.

Trala independencia polaca en 1918, o seu líder, o xeneral Józef Pilsudski retomou este proxecto para aproveitar territorialmente a favor polaco o desmembramento do Imperio zarista, o que quere dicir que Varsovia buscaba así anexionarse territorios das actuais Ucraína e Bielorrusia que, por razóns históricas das dinámicas de poder imperial, en determinados momentos foron parte do Reino de Polonia. Falamos, por exemplo, de casos como a cidade ucraína de Leópolis, Lvov en polaco.

Este proxecto foi inmediatamente “desempolvado” trala caída do comunismo. Dende entón, o Intermarium é unha iniciativa xeoestratéxica vital para Polonia, cuxa viraxe prooccidental levouna a un achegamento estratéxico con EE.UU. Para Washington, as súas intencións aspiraban o definitivo debilitamento xeopolítico da Rusia “post-soviética” converténdoa nunha especie de protectorado económico occidental, tentando blindar calquera viraxe nacionalista e revisionista rusa que, finalmente, comezou a trazarse con Putin dende a súa chegada ao poder en 1999.

Non debemos esquecer que, desde a década de 2000, existía en EE.UU un lobby baixo a denominación de Iniciativa de Cooperación Polaco-Ucraína-Americana que, segundo comenta o profesor Francisco Veiga (1), “deixaba ver algúns retazos da estratexia de Washington na zona do Báltico ao Mar Negro”, precisamente a área de irradiación do Intermarium. Este lobby tivo presenza nas denominadas “revolucións de cores” que, dentro do espazo euroasiático ex soviético, mantivo especial implicación en cambios de goberno prooccidentais en Ucraína e Xeorxia entre 2003-2004.

Por iso, Washington ve a Polonia e Ucraína como firmes baluartes dos seus intereses en Europa Oriental, compatibilizando os mesmos con esas aspiracións xeopolíticas establecidas no Intermarium. E nesta perspectiva tamén entra Ucraína. As crises de 2013-2014 que levaron ao denominado “Euromaidán” e á caída do prorruso presidente ucraíno Viktor Yanúkovich, á anexión rusa da península de Crimea e ao conflito do Donbás definiron unha nova dinámica nas relacións polaco-ucraínas, en este caso co factor militar, co beneplácito occidental.

“Washington ve a Polonia e Ucraína como firmes baluartes dos seus intereses en Europa Oriental”

A cooperación polaca con Ucraína en materia militar incrementouse exponencialmente desde 2016, reforzándose aínda máis co apoio británico a Varvosia e Kiev trala invasión rusa a Ucraína. Hoxe, Polonia está entre os dez principais países que asisten militarmente a Ucraína na súa guerra contra Rusia.

Horizonte 2023…e máis aló
Ata aquí unha explicación “a voo de páxaro” sobre o que podemos denominar como unha nova “cuestión polaca”, neste caso con Varsovia como mestre de operacións ao calor da guerra ucraína. Abordamos agora os escenarios que este contexto poderían determinar, mais aló do que suceda no terreo netamente militar dentro do conflito ruso-ucraíno.

Mentres observamos unha fase de leve estancamento en torno aos combates terrestres (non así aéreos por parte de Rusia), probablemente en vésperas da apertura dunha nova fase de ataques militares, EE.UU ven trazando con Polonia unha estratexia de posible materialización na Ucraína Occidental con capital en Kiev como unha especie de “protectorado da OTAN”. A dependencia militar ucraína da Alianza Atlántica así o define.

Toda vez, Polonia ve agora a oportunidade histórica de aplicar o Intermarium en fases progresivas, contando co apoio tácito de Washington. O obxectivo é obviamente neutralizar unha Rusia que, a pesares dos seus recentes reveses militares, ocupa aproximadamente o 20% do territorio ucraíno previo á invasión militar do pasado 24 de febreiro. E coa mobilización parcial en marcha, a perspectiva é que o Kremlin sosteña a súa “operación especial” a longo prazo.

“Polonia ve agora a oportunidade histórica de aplicar o Intermarium en fases progresivas, contando co apoio tácito de Washington”

Isto deixa a Zelenski e os nacionalistas ucraínos ante unha forte disxuntiva. A “terquedade” do presidente ucraíno (“home do ano” para a revista Time) no asunto do mísil caído en territorio polaco podería poñer en evidencia dúas cousas: que Zelenski é refén dos “falcóns” ucraínos e polacos que traballan de forma conxunta; e que para a OTAN, o propio Zelenski pode estar converténdose nun estorbo listo para ser remprazado no momento oportuno por un “falcón” máis propicio ás estratexias atlantistas.

Por outra banda, as negociacións para tentar rebaixar a intensidade da guerra poden alterar os plans dos “falcóns” hoxe predominantes en Washington, Bruxelas, Varsovia, Kiev e Moscova.

En novembro, os xefes de intelixencia de EEUU e Rusia reuníronse en Ankara para observar a posibilidade dunha tregua en Ucraína ante a crise enerxética e económica cun inverno ás portas. Joe Biden e Xi Jinping achegaron posicións similares no cumio do G-20 en Indonesia. E foi precisamente nese contexto de certa distensión na crise ruso-occidental en torno a Ucraína cando apareceu o misterioso misíl caído en Polonia.

Pero tamén existen outros actores e escenarios colaterais á guerra ucraína que merecen ser tomados en conta porque poden aparecer como crises globais para 2023. Oriente Próximo é o máis visible.

Actores como Turquía, Irán e Israel teñen implicacións no conflito ucraíno, toda vez a tensión cobrou forma contra Irán, particularmente polo seu apoio militar a Rusia, as recentes tensións militares fronteirizas con Arabia Saudita e no plano interno coas protestas cidadáns en Teherán e outras cidades iranianas.

Tamén existen outros escenarios de tensión global que colateralmente teñen implicación na crise ucraína: as recentes tensións fronteirizas en Cósova que implican a Serbia, aliado ruso (non esquezamos que o Intermarium trasládase tamén á contorna adriática e balcánica); a repentina tensión igualmente fronteiriza entre China e India, tamén aliados rusos e membros dos BRICS; e incluso a posibilidade de que Turquía invada o norte de Siria para aplastar a autonomía kurda.

Se este 2022 foi perigosamente trepidante, preparémonos para un 2023 que anuncia máis tambores de guerra.

Nota:
(1) VEIGA, Francisco, Ucrania 22. La guerra programada, Alianza Editorial, 2022, p. 81.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.