Blitzkrieg de Ucraína a Taiwán.

Foto propiedade Ministerio de Defensa de Ucraína.

Algo debe estar “cociñándose” a fogo lento nos centros de poder en EE.UU, a OTAN, Rusia e China ante a posibilidade dun punto de inflexión na guerra ucraína e no control de esferas de poder xeopolítico global. A ofensiva relámpago (“Blitzkrieg“) levada a cabo polo exército ucraíno o pasado 11 de setembro contra posicións militares rusas da a entender a aparición dun escenario decisivo, con consecuencias directas e colaterais nos puntos actualmente máis conflitivos do planeta, de Ucraína a Taiwán.

A súbita (e sorprendente) blitzkrieg ucraína (que ocorre aproveitando a atención mediática en Londres tralo falecemento da Raíña Isabel II e as incertezas sobre esta nova etapa co seu fillo Carlos III ó fronte da monarquía) abre un compás orientado a propiciar unha nova fase dun conflito ata agora atascado en guerra de posicións.

Isto pode presaxiar a posibilidade de que Rusia entre definitivamente nun estado de guerra aberta contra a OTAN.

Qué fará agora Putin?
Este escenario coloca a Putin nunha situación inédita dende o comezo da guerra. Neste clima, Occidente volve a manifestar simultaneamente a súa retórica triunfalista pola ofensiva en Ucraína e fatalista co respecto ao futuro do réxime “putiniano”.

Ante a sorprendente ofensiva militar ucraína observáronse todo tipo de movementos políticos en Moscova. Por unha banda, un grupo de políticos rexionais criticaron abertamente ao presidente ruso pedindo a súa dimisión pola situación militar en Ucraína.

A reacción non se fixo agardar: varios membros do establishment político no Kremlin, moitos deles “falcóns” da “liña dura” pero tamén o Partido Comunista, segunda forza parlamentaria, premen agora ao Kremlin para declarar definitivamente a “guerra” contra Ucraína e a OTAN (superando así o eufemismo oficial da “operación especial) así como a mobilización xeral. E non debemos esquecer que Polonia, membro da OTAN e da UE, xa anunciou que non quere ser a “próxima Ucraína” e informou de preparativos para a guerra con Rusia nun período de tres a dez anos.

Esta blitzkrieg da OTAN en Ucraína traduce as expectativas occidentais por evitar un “outono frío” ante a presión de Putin por cortar o subministro enerxético, con todas as súas consecuencias económicas. Ao mesmo tempo, evidencia a necesidade de evitar que o Donbás e outras localidades do Leste ucraíno (Jarkov, Zaporiyia) terminen encaixando territorialmente dentro da Federación rusa reproducindo a “vía Crimea” de 2014, con referendos soberanistas en principio pautados para novembro pero agora foron preventivamente suspendidos polo Kremlin de xeito indefinido.

“Esta blitzkrieg da OTAN en Ucraína traduce as expectativas occidentais por evitar un ‘outono frío’ ante a presión de Putin por cortar o subministro enerxético, con todas as súas consecuencias económicas”

Deste xeito, a recente ofensiva militar ucraína para recuperar Járkov e o Donbás interprétase como o punto estratéxico chave para a definición da guerra ucraína e que pode ter dimensións maiores en caso de tentar recuperar a península de Crimea, baixo soberanía rusa.

Por tanto, estamos ante o peor momento para Putin? Hai que ter cautela con este razoamento, tomando en conta que estamos por ver cómo será a resposta rusa. O que está claro é que xa existe unha visible ruptura co discurso oficial. Comeza a falarse abertamente na clase política rusa dunha “guerra”, afastándose cada vez máis da narrativa oficial da “operación militar especial”. E aínda que comezan a visibilizarse voces disidentes, Putin segue a conservar sólidos niveis de popularidade que o Kremlin pode instrumentalizar con destreza atizando o patriotismo e o nacionalismo rusos en caso dunha ofensiva a gran escala en Ucraína.

“Prepara o Kremlin unha contraofensiva de varios frontes en Ucraína? Irá a unha guerra aberta contra a OTAN?”

Por tanto, prepara o Kremlin unha contraofensiva de varios frontes en Ucraína? Irá a unha guerra aberta contra a OTAN? Debemos considerar que Rusia utiliza en Ucraína unha porción aínda limitada do seu exército permanente. Diversos analistas especulan que o Kremlin non enviou a Ucraína o maior volume das súas tropas nin tampouco dos seus recursos militares. Toda vez, hai máis dun millón e medio de reservistas en territorio ruso.

Visto o visto, Rusia conta con recursos considerables para unha guerra a longo prazo. Por tanto, compre preguntarse: era conscente o Kremlin da posibilidade real de que, en calquera momento, podía presentarse esta situación de “blitzkrieg” por parte da OTAN-Ucraína que obrigue a unha mobilización militar xeral en Rusia? Algúns políticos rusos xa piden abertamente dunha “leva”, un alistamento militar da sociedade, aspecto que pode potenciar por parte do Kremlin o discurso nacionalista facendo referencia á “Guerra Patriótica” contra o nazismo na II Guerra Mundial.

Ademais, Moscova ten realizado estas últimas semanas os seus tradicionais exercicios militares (“Xogos de Guerra”; VOSTOK) conxuntamente con países como China, Irán, Turquía, Venezuela e India. Por tanto, o abano de alianzas exteriores rusas segue a ser potencialmente considerable, con capacidade para desafiar as estratexias “atlantistas”.

No camiño, Putin segue acelerando unha purga preventiva en preparación dos próximos escenarios bélicos en Ucraína. O pasado 11 de setembro anunciouse a renuncia de Alexander Tijónov, xefe do Centro de Propósito Especial (TSSN) do FSB, o servizo de seguridade ruso. Toda vez argumentouse o asunto da xubilación. Ao mesmo tempo, a xustiza rusa confirmou a sentenza a 22 anos de prisión do xornalista disidente Iván Safronov, un caso escasamente atendido nos medios occidentais, cando menos en comparación con outros disidentes como Aléxei Navalny ou a tamén xornalista Marina Ovsyannikova, pendente de xuízo.

Qué pretenden EE.UU e a OTAN?
Este escenario aborda unha interrogante chave: busca a blitzkrieg ucraína definir un cambio de rumbo por parte de EE.UU e da OTAN, vía tamén provocación directa, para que Rusia entre máis de cheo na guerra?

En caso de decretarse a mobilización xeral en Rusia, estaríamos practicamente asistindo a unha guerra directa contra a OTAN con perspectivas a longo prazo, se ben con epicentro en Ucraína pero con tensións colaterais por todo o espazo euroasiático. Razón que daría a entender que o Kremlin pode estar preparando sixilosamente á poboación rusa a unha guerra a gran escala contra Occidente.

“En caso de decretarse a mobilización xeral en Rusia, estaríamos practicamente asistindo a unha guerra directa contra a OTAN con perspectivas a longo prazo”

Este escenario repercute tamén nas alianzas xeopolíticas globais. Se ben Beijing aínda non confirmou, Putin e o presidente chinés Xi Jinping teñen previsto reunirse no cumio da OSCE en Uzbekistán este 15 de setembro. Dous temas están sobre a mesa: Ucraína e Taiwán, pero as expectativas anuncian outro reto máis de calado xeopolítico: trazar estratexias conxuntas para conter a “ofensiva” de Washington que, dende Ucraína ata Taiwán, está deseñadada claramente contra este eixe euroasiático sino-ruso que cobra forza trala guerra ucraína.

Así mesmo, a ofensiva militar ucraína marca pautas en distintas frontes. Mentres a blitzkrieg ucraína cobraba forza, Turquía (aliado do eixe sino-ruso pero membro da OTAN) e Grecia (tamén membro da OTAN), aumentaban a tensión militar por reclamacións insulares no Mar Exeo con efectos estratéxicos para a seguridade mediterránea.

Por outra banda, o 12 de setembro e nunha movida igualmente inédita e inesperada, Acerbaixán atacou militarmente territorio armenio, un aspecto que pode definir as intencións “atlantistas” de abrir unha “nova fronte bélica” no Cáucaso contra Rusia, unha especie de extensión euroasiática da blitzkrieg ucraína.

Dende a invasión militar rusa a Ucraína, Acerbaixán, outrora criticado en Occidente en materia de autoritarismo e violación de dereitos humanos, ven sendo precisamente “cortexado” por EE.UU e Europa como novo socio enerxético ante a previsible desconexión enerxética rusa con vistas ao outono-inverno. Toda vez, Armenia é un histórico aliado ruso que lle pide agora auxilio a Moscova.

Entrampada en Ucraína, está por ver cal será a capacidade de manobra rusa neste inesperado “fronte caucásico” aberto. Veremos unha situación similar á ocorrida en Kazajstán en xaneiro pasado, onde Moscova activou o compromiso militar da OTSC da que tamén forma parte Armenia?

E por outra banda están as intencións de Washington coa blitzkrieg ucraína. EE.UU teme unha especie de “tormenta económica perfecta” para este outono. Pero teme tamén un “cambio de timón” político en Europa ante o malestar social causado polas sancións contra Rusia, especialmente ante a alza da inflación e os peligros de subministros enerxético e alimenticio.

“EE.UU teme unha especie de ‘tormenta económica perfecta’ para este outono. Pero teme tamén un ‘cambio de timón’ político en Europa ante o malestar social”

Nas últimas semanas observáronse protestas en República Checa e Austria tanto contra a OTAN como pedindo o fin das sancións contra Rusia, unha chave que denota a necesidade de entendemento ao marxe da guerra ucraína. E non esquenzamos que Italia irá a eleccións xerais a finais de setembro, onde a ultradereita de Giorgia Meloni ten as enquisas ao seu favor. Unha ultradereita italiana ligada a aliados de Putin como o presidente húngaro Viktor Orban, ademais doutros contactos con “liña directa” co Kremlin.

Así, utilizando toda serie de recursos disuasivos e coercitivos (corte do subministro enerxético), Rusia busca un “novo trato” con Europa para desliga-la economicamente de EE.UU, afastándoa tamén da atención en Ucraína.

Por outra banda, EE.UU vai en novembro a eleccións lexislativas mid-term, onde Biden pon en xogo a súa xestión ante unha posible vitoria republicana en ámbalas dúas cámaras, a de Representantes e o Senado. Todo isto sen contar as expectativas de retorno de Trump ao xogo político con vistas á Casa Branca en 2024.

Deste xeito, Washington observa con atención cómo a blitzkrieg obedece a unha ecuación calculada en restarlle a Rusia capacidade de resposta a través dunha tenaza que vai de Ucraína ata Armenia, e igualmente cara China coas tensións en Taiwán. Esta ecuación tamén é económica, tomando en conta o elevado nivel de débeda pública estadounidense e os desafíos expostos por China e Rusia (aos que se lle engadirían outros actores como India, Irán, Indonesia e Turquía) para contrarrestar a hexemonía do dólar e do sistema SWIFT de transaccións bancarias, particularmente ante os instrumentos económicos paralelos vía BRICS e OSCE, entre outros.

Novas frontes de guerra? Mar Exeo, o Magreb, o Cáucaso…
Así mesmo, a estratexia “atlantista” implicaría igualmente complicar a posición dun aliado ruso pero díscolo membro da OTAN como é o caso de Turquía vía crise no Mar Exeo con Grecia pero tamén agora indirectamente implicado ante a ofensiva de Acerbaixán (un aliado turco) en Armenia (histórico rival turco pero aliado ruso)

Cómo manexará este escenario presidente turco Erdogan é outras das incógnitas que se abren, tomando en conta que nos últimos meses converteuse nun actor importante dentro da crise ucraína como mediador e interlocutor de peso entre Kiev e Moscova, algo que non precisamente gusta en Washington.

“Non esquenzamos igualmente o flanco sur europeo, especialmente no Magreb, ante as tensións diplomáticas entre Alxeria e Marrocos”

Non esquenzamos igualmente o flanco sur europeo, especialmente no Magreb, ante as tensións diplomáticas entre Alxeria e Marrocos, co trasfondo da enerxía, os intereses xeopolíticos, o tema saharauí e da inmigración ilegal. Alxeria, un dos grandes produtores de petróleo e gas natural para Europa, mantense dentro do eixe euroasiático sino-ruso.

Pola súa banda, Marrocos estase convertendo no gran aliado estadounidense e israelí no Magreb e no Mediterráneo. Os pulsos por manter esferas de influencia ao carón da nova orde global propiciada pola guerra en Ucraína pode, eventualmente, espallar tensións no Magreb, sen descartar o conflito militar.

“E qué fai Europa? Ben, grazas. Placidamente ausente”

Ah, por certo, para finalizar, e qué fai Europa? Ben, grazas. Placidamente ausente, sen iniciativa nin alternativas ante o peso do “novo atlantismo” de Biden.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.