Un 41% dos participantes no PIE en Tui lograron a inserción laboral

Neste tempo estableceron convenios de prácticas en tres empresas

Tui | Corenta e unha das cen persoas que están a participar no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui lograron a súa inserción laboral dende o mes de xaneiro.
Deste total, once persoas usuarias do Programa Integrado de Emprego e do Servizo de Orientación Laboral do Concello de Tui veñen de ser contratadas pola empresa PEPCO para a nova tenda que abriu hoxe no municipio.

O pasado mes de marzo, tras a solicitude realizada por PEPCO en colaboración do Servizo Público de Emprego de Tui, levouse a cabo o proceso de selección de persoal para o novo establecemento da marca. Co obxectivo de cualificar as persoas participantes nese proceso selectivo e impulsar así as súas candidaturas o Programa Integrado de Emprego adiantou a celebración do curso de “Atención ao cliente” previsto no seu programa formativo. Das doce persoas contratadas para o novo establecemento ubicado en Tui 11 eran usuarias dos servizos municipais de emprego.

Por este motivo dende o Programa Integrado de Emprego amosan a súa satisfacción por ter logrado este elevado índice de contratación. Estes feitos dan folgos ás persoas que continúan a mellorar a súa empregabilidade participando nesta acción, e que grazas as accións que se están a desenvolver ven incrementar de xeito real as súas oportunidade de acceso ao mercado laboral.

Dende xaneiro deste ano o Programa Integrado de Emprego de Tui ten impartido 26 accións formativas en competencias dixitais, coaching, preparación de entrevistas, atención ao cliente, manipulación de alimentos. Amais teñen realizado entrevistas personalizadas de orientación ás 100 persoas participantes no Programa. Neste tempo estableceron convenios de prácticas en tres empresas, teñen realizado labores de prospección e intermediación nunha trintena de empresas e tramitando máis de 150 ofertas.