
Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician este sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil.
Xosé Merelles destacou o éxito desta iniciativa, “que constitúe xa unha das citas de referencia na programación turística da comunidade, co recoñecemento do público como de organizacións do sector”. Neste sentido, incidiu en que “os itinerarios de xuño xa están vendidos ao completo, e as primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse”.
Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo).
Para o director de Turismo de Galicia, isto “da boa mostra do éxito desta iniciativa única, que integra sostibilidade e singularidade”. Xosé Merelles definiuna como unha “proposta icónica” e referiuse ao seu aporte á desestacionalización e redistribución do turismo pola comunidade.
Ademais, abundou tamén no factor da sostibilidade e da singularidade do programa. “Propón unha xornada nun medio de transporte como o tren, que non só é máis sostible que outros, senón que ademais permite formar parte dunha experiencia colectiva, vivida con máis viaxantes. É por tanto non só unha forma distinta de achegarse a Galicia, senón tamén de experimentar a propia viaxe”.
Campaña 2026
O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada. Ademais das que se inician en xuño, en xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra (4 de xullo, 19 de agosto); a das Rías Baixas (11 de xullo, 12 de setembro); e a do Ribeiro-Rías Baixas (18 de xullo).
Agosto será o mes no que se inicien as saídas das Rutas das Mariñas (1 de agosto, 5 de setembro); a dos Pazos e Xardíns (8 de agosto, 19 de setembro); a de Monterrei (8 e 29 de agosto); a do Museo MEGA e A Coruña de 1906 (15 de agosto); e a dos Queixos (22 de agosto e 3 de outubro), que será a que poña punto e fin á campaña de 2026.
A nivel de ocupación, vendéronse xa dúas rutas por completo (a das Camelias e a dos Faros), e outra máis vai camiño de esgotarse, con máis do 70% de prazas vendidas (a da Ribeira Sacra do Sil). En 2025 acadouse máis dun 92% de ocupación, completándose os trens das rutas dos Queixos, Ribeira Sacra do Miño e o Sil, Rías Baixas e a dos Faros, que ademais foi recoñecida co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia da Unión Internacional de Ferrocarrís.




