Tui xa ten cartel para as Festas de San Telmo 2022

Foi gañador o deseñador Juan Diego Ingelmo Benavente

Tui | O concurso de carteis convocado polo Concello de Tui para a elección da imaxe anunciadora das festas patronais de San Telmo 2022 contou coa participación de 22 carteis, unha elevada cifra de participantes pola que a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Sola, amosa a súa satisfacción.

Tras a deliberación do xurado a proposta gañadora foi a presentada polo deseñador Juan Diego Ingelmo Benavente, de Burriana – Castellón.

O xurado valorou a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora, o seu carácter orixinal e innovador, así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo. A obra gañadora recibirá un premio de 700 euros.

Dende o vindeiro luns 28 de marzo poderá visitarse unha exposición na zona “Anexo” da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio “Francisco Sánchez” – Antiga Área Panorámica, rúa Colón, 2) na que os interesados poderán contemplar as 22 propostas enviadas para participar neste certame. A mostra permanecerá estará aberta ata o 9 de abril.

Propietario da imaxe principal: páxinas galegas.