Tui non celebrará nin o desfile de Entroido nin o Enterro do Bacallau

Decisión tomada tras reunirse coas comparsas participantes

Tui | O Concello de Tui non organizará este ano nin o tradicional Desfile de Entroido de comparsas e grupos nin o Enterro do Bacallau ao considerar que debido á pandemia, non se dan as condicións axeitadas para as súa celebración.

Antes de tomar esta decisión o Concello de Tui mantivo dúas reunións para coñecer o parecer e as perspectivas para este ano das comparsas que adoitan acudir ao Entroido Tudense. Á primeira delas foron convocadas catro comparsas tudenses e á segunda foron citados os representantes de 22 comparsas que nos últimos anos teñen acudido á cita co Entroido tudense.

Tras escoitar o parecer das distintas comparsas, algunhas delas paradas este ano, e avaliar a actual situación, dende o concello de Tui tómase a decisión de non celebrar nin o Desfile de Entroido nin o Enterro do Bacallau. Acórdase tamén estudar outro tipo de celebración deste festexo, que sexa viable nas actuais condicións, e que cumpra coa normativa establecida. Un tema no que se está a traballar nestes momentos. Con respecto aos dous grandes eventos do Entroido tudense aproveitarase o parón deste ano, para, escoitando ás comparsas, estudar posibles cambios a aplicar de cara a 2023 para potenciar así este festexo tradicional.

Dende a concellería de Cultura, quérese agradecer as comparsas convocadas a súa asistencia ás reunións celebradas, así coma o seu parecer, tendo en conta que sen elas esta celebración non sería posible, e agardando que o ano que ven, se poidan levar a cabo estes eventos xa nunha situación de normalidade.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explica que decisión foi tomada de forma conxunta coas comparsas. Sinala que “a realidade é que non había un grupo mínimo para poder conformar un desfile coas condicións mínimas, e nos vemos abocados a non celebralo”. Engade que “incluso plantexamos cambio de percorrido… pero era literalmente imposible levalo a cabo”.

De todos xeitos anuncia que “algo dende o concello se fará con todas as medidas de seguridade” e convidá á cidadanía a “a que o Martes de Entroido se disfrace e viva o Entroido aínda que non teña lugar o Concurso-Desfile”.

Premios do Deporte Tudense 2020 e 2021
Dende o mes de novembro o xurado da Gala do Deporte Tudense ven traballando para retomar este evento e así poder recoñecer os éxitos deportivos dos nosos clubs e deportistas.

De feito, a intención era facer unha gala a finais do pasado mes de xaneiro, onde entregar os Premios Deporte Tudense dos anos 2020 e 2021, pero a incerteza a hora de poder marcar unha data de celebración xa que se descoñecía a evolución que ía ter a pandemia impediu poder organizar a gala coa suficiente antelación que garantir a realización da mesma co mesmo nivel de calidade que en anteriores edicións.

Por isto, o Concello de Tui e o xurado, decidiron dar a coñecer os premios, recoñecendo publicamente aos deportistas, que serán entregados presencialmente, sempre que a situación sanitaria o permita, na Gala do Deporte do ano 2022, que se celebrará a finais do mes de novembro.

O xurado, integrado por Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico, José Manuel Quintana, directivo e responsable das escolas deportivas do Tyde F.C., Beatriz González, profesora de educación física do CEIP Nº2 de Tui, Ana Rodríguez, ex-xogadora da máxima categoría do Balonmán feminino e Rafael Estévez, concelleiro de deportes de Tui, decidiron os seguintes Premios Deporte Tudense:

Promesa Feminina – Nieves Silva – Campioa de España de Remo Olímpico – Categoría Cadete
Promesa Masculina – David Fernández – Campión de España de Enduro – Categoría Júnior
Categoría Veterán – Manuel Rodríguez Caramés
Club Deportivo – Club Balonmán Tui – Polo ascenso a Liga Ouro (división de honor) do equipo infantil masculino e feminino e do xuvenil masculino, o equipo cadete estivo a punto de subir a Liga Ouro. O equipo sénior Masculino ascendeu a 1ª División Autonómica, onde tamén está o equipo sénior feminino, que pelexou polo ascenso a División de prata.
Adestrador – Equipo técnico do Club Balonmán Tui

Deportista Feminina
Tania Fernández – Subcampioa do Mundo de Maratón en K2
Sara Tui – Subcampioa do Mundo de Fútbol Praia
Deportista Masculino
Gustavo Rodríguez – Medalla de Prata nos Xogos Paralímpicos en Toquio 2020.
José Leiras – No ano 2020 xogou na Liga Asobal, máxima categoría do balonmán nacional e único xogador masculino tudense en logralo.

Como en anteriores ocasiones, na gala recoñecerase a máis de vinte deportistas tudenses que participaron nestes anos en competicións internacionais. Así mesmo, farase un recoñecemento a aqueles deportistas, directivos o persoas relacionadas co mundo deporte que faleceron nos anos pasados.