Tui conmemora o 350 aniversario da publicación do “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño”

Coa presentación do libro “Miño, río de Letras” e a inauguración dun monumento conmemorativo

Tui | O próximo luns, 12 de abril, festivo local en Tui, vai conmemorar o 350 aniversario da publicación da obra “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño”.

O acto comezará ás 18 h no salón de sesións da casa do concello coa presentación do libro “Miño, o rio das letras”. No mesmo inclúese a edición facsímile do “Entremés famoso sobre a pesca no río Miño”. Intervirán no acto Luís García Mañá, presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto; Xosé González Martínez, presidente da Fundación L. Peña Novo; Valentin García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; António Barbosa, presidente da Cámara de Monçao; un representante da Deputación de Pontevedra; e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

A continuación terá lugar na rúa Ourense na zona axardinada a carón da Área Panorámica, a descuberta dun monumento conmemorativo do 350º aniversario da publicación da obra “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, doado pola Escola de Canteiros de Poio. No mesmo actuarán Diego Alonso, gaita, e Ramón Corral, percusión.