Tui acolle a exposición “Diálogos” da Biblioteca Nacional de Israel e a Red de Juderías

Preparada en setembro de 2021 para a Xornada Europea da Cultura Xudía

Tui | A zona anexa da Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica, acolle dende esta semana exposición “Diálogos”. A mostra foi preparada en setembro de 2021 pola Biblioteca Nacional de Israel para a Xornada Europea da Cultura Xudía. Esta mostra chega ata a nosa cidade a través da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad á que pertence o concello de Tui dende o ano 2019.

Esta exposición reflexiona e explica diferentes tipos de diálogos desde a perspectiva da cultura xudía, documentados a través de diferentes fotografías e cadros de textos. Así a mostra fai un percorrido polo Diálogo entre xeracións, dos pais ou avós aos seus fillos, coma eixo na educación, Diálogo entre textos, a miúdo entendemos un “diálogo” como unha conversación entre persoas, con todo, na historia xudía, son máis importantes as “conversacións” entre textos.

Tamén recolle o Diálogo dentro da Comunidade, incorporando a perspectiva da argumentación como eixo da tradición xudía, o Diálogo entre Culturas ou o Diálogo entre relixións como integración indispensable dos xudeus ao longo dos séculos en que viviron entre outras culturas e grupos de persoas. A exposición ademais das fotografías e explicacións achega en cada bloque diferentes códigos QR que profundan sobre o tema.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, sinala que con esta nova actividade o concello tudense continua traballando na promoción do legado xudeu na nosa cidade como un elemento primordial do noso patrimonio cultural e do posicionamento da oferta turística da nosa cidade.

Diálogos: La Red de Juderías de España celebra la Jornada Europea de la Cultura Judía (video promocional da exposición)

Foro do Camiño Portugués
O vindeiro martes, 25 de xaneiro, o Concello de Tui retoma, logo da paréntese do Nadal, a celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués”. Nesta ocasión será coa presenza dun destacado protagonista da recuperación e revitalización do Camiño de Santiago en Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia e medalla de honra do Concello de Tui dende o ano 2017.

Vázquez Portomeñe (Taboada-Lugo, 1934) é un protagonista destacado na posta en valor do fenómeno xacobeo, especialmente na súa época como deputado autonómico e como conselleiro en distintos gobernos de Manuel Fraga Iribarne na Xunta de Galicia. Na súa etapa como responsable da consellería de Educación e Cultura Vázquez Porrtomeñe promoveu a aprobación -por unanimidade- de leis como a de Patrimonio Cultural ou a de Protección dos Camiños de Santiago.

Tamén na súa época de conselleiro se encargou de organizar o primeiro Xacobeo, en 1993, conseguindo ampliar unha realidade espiritual e relixiosa a outra cultural e socioeconómica, que ten resultado de vital transcendencia para Galicia.

Portomeñe recibiu por acordo do Concello de Tui a medalla de honra da cidade recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou do edificio “Francisco Sánchez” daquela Área Panorámica.

A conferencia do próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal.

A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo necesaria a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.300 amigos, etc.