Tomiño homenaxea o labor das traídas de auga veciñais

A través do documental "Da Nosa Man"

Tomiño | Foi presentado no auditorio de Goián o documental “Da nosa man”, unha peza audiovisual que rende homenaxe ao labor desenvolvido polas 36 comunidades de augas veciñais existentes no municipio nunha tarefa tan importante como o é a autoxestión dun ben imprescindible para a sociedade.

O acto, ao que asistiron moitos dos membros destas comunidades, contou tamén coas intervencións iniciais da alcaldesa Sandra González e do vicepresidente de COXAPO (Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra), Humberto M. González, que resaltaron o “heroísmo” daqueles veciños que alá pola década dos anos 70, sen medios económicos nin axuda da administración, decidiron loitar por cumprir o soño de ter auga encanada nas súas casas.

“A capacidade de asociarse, o esforzo e o sacrificio da veciñanza para xestionar un ben común é verdadeiramente exemplar, e desde o Concello o mínimo que podemos facer é que poñer en valor é apoiar ese modelo de autoxestión para que sirva como exemplo noutros lugares”, destacou a alcaldesa.

“A capacidade de asociarse, o esforzo e o sacrificio da veciñanza para xestionar un ben común é verdadeiramente exemplar”

Pola súa parte, o vicepresidente de COXAPO puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación, creada fai 15 anos co fin de defender os intereses das traídas de auga. “Podemos dicir con orgullo que en dez anos realizamos un aforro de máis de tres millóns de euros ás administracións, un traballo que tamén fai que as nosas traídas sexan referentes en Galicia e España, pero tamén en países como Irlanda, Austria ou Suecia. Por iso tamén queremos agradecer que o Concello de Tomiño fose o primeiro en apostar pola autoxestión da auga, ese ben tan apreciado”, destacou.

Unha vez rematada a proxección da emotiva peza, que emocionou a máis de un dos presentes, a alcaldesa aproveitou para agradecer o excepcional traballo da súa directora, Marta Piñeiro, quen mostrou a súa satisfacción polo proxecto. “Eu non coñecía a realidade das traídas e cando vin a importancia que tiñan foi toda unha sorpresa. Ao comezo a idea era facer un pequeno vídeo de cinco minutos pero había tantas cousas interesantes que contar que ao final rematou sendo unha historia máis longa coa que homenaxear non só aos pioneiros, senón tamén ás persoas que traballan na actualidade nas traídas e as continúan mantendo vivas”, comenta a directora.

Semana do Medio Ambiente
Ademais da proxección do documental, o Concello de Tomiño continúa organizando diversas actividades do 2 ao 5 de xuño con motivo da celebración da Semana do Medio Ambiente. O xoves 3 de xuño haberá dúas actividades principais. Ás 17.00 horas está prevista a plantación de árbores autóctonas a cargo do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, e ás 20.30h emitirase no Facebook do Concello unha conversa sobre alternativas para o tratamento e depuración das augas, que contará coa presenza da alcaldesa, Sandra González; o enxeñeiro experto en enerxías renovables e tratamento de augas residuais, José Luis Peraza, e a xefa de servizo de Aqualia en Tomiño, Marián Lago.

“Ademais da proxección do documental, o Concello de Tomiño continúa organizando diversas actividades do 2 ao 5 de xuño con motivo da celebración da Semana do Medio Ambiente”

O programa continúa o venres 4 de xuño con outra conversa a través das redes do Concello (Facebook); neste día falarán sobre a compostaxe Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente; Carlos Pérez, químico asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, e Sandra Alonso, mestra composteira.

O sábado 5 de xuño será o día grande da Semana, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente. Na Praza do Seixo haberá xogos e talleres infantís (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h) a cargo da Granxa Escola Corazón de Carballo, cunha temática vinculada ao Medio Ambiente e a riqueza natural de Tomiño. Haberá sorpresas e agasallos relacionados co medio ambiente e a sustentabilidade para as persoas que se acheguen.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!