Tomiño e Aldeas Infantís avanzan no programa Encaixa-T

Orientado á atención da infancia a través do apoio escolar e psicosocial

Tomiño | O Concello de Tomiño segue traballando para ser un referente en políticas de infancia e adolescencia. O Concello vén de aprobar en pleno a renovación do convenio con Aldeas Infantís SOS de Galicia para consolidar o programa Encaixa-T, un innovador proxecto posto en marcha o curso pasado para atender á infancia dun xeito integral recollendo as necesidades de apoio escolar e psicosocial, de atención psicolóxica e de apoio ás e aos familiares de referencia para que nenos e nenas poidan vivir de forma integrada e feliz na súa contorna.

Tras o bo funcionamento do primeiro ano, o Concello segue a apostar por esta iniciativa que converte a Tomiño nun centro de proximidade grazas á colaboración do Servizo de Educación e Apoio á Familia (SEAF) municipal e os Grupos de Atención de Proximidade (GAP) de Aldeas Infantís. Rapaces e rapazas de 6 a 17 anos poden participar neste programa que emprega unha metodoloxía innovadora, con actividades socioeducativas que se desenvolven na Aula Estudo e con sesións psicoterapéuticas que se realizan nas instalacións dos Servizos Sociais municipais.

O equipo está integrado por una educadora social, una psicóloga e pola coordinadora dos GAP, que traballan en estreita colaboración coa técnica responsable do SEAF do concello. “Apostamos por atender á nosa infancia e adolescencia dun xeito integral, coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo moi necesario”, explica a alcaldesa, Sandra González, que salientou a importancia de crear este espazo socio-comunitario no que atender ás necesidades da rapazada e das súas familias achegando recursos sen que teñan que desprazarse e facilitando a superación daquelas situacións que supoñen una brecha na igualdade de oportunidades.

O concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salienta ademais a relevancia de contar cun programa como o Encaixa-T nun momento no que a atención psicolóxica pública segue a ser deficiente, xa que permite “poñer remedio a problemas que se poden facer crónicos e que desta maneira se atallan nunha idade temperá, permitindo que nenos e nenas acaden unha integración plena e unha oportunidade para vivir nunha contorna mellor, máis segura e feliz”.