Tomiño conta cun novo vehículo eléctrico para a compostaxe local

Grazas a unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental
A alcaldesa Sandra González no novo vehículo eléctrico para o servizo da compostaxe.

Tomiño | O Concello de Tomiño vén de adquirir un novo vehículo con distintivo ambiental cero emisións de CO2 para o servizo do persoal encargado da Implantación e xeralización da Compostaxe.

A adquisición foi posible grazas a unha subvención en concorrencia competitiva a entidades locais do Fondo de Compensación Ambiental, por importe de 27.106,22 euros (75%), achegando o resto da inversión o propio Concello.

Trátase concretamente dunha furgoneta 100% eléctrica cun tempo máximo de recarga de 8 horas (punto de carga nave municipal), con opción de carga rápida. Ten un espazo mínimo de carga 4 m3, enganche de remolque fixo e porta equipaxes. Asemade, o novo vehículo ten unha autonomía mínima 200 Km., sensores de iluminación e luces led.

Esta forgoneta utilizarase para mantemento dos 16 centros de compostaxe comunitaria, distribuídos nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, e dos 10 puntos verdes de xestión de biomasa de podas, ademais de posibles visitas á veciñanza e entidades das parroquias. Todo isto, tendo en conta que Tomiño ten actualmente 14.000 habitantes asentados nun territorio de 106 KM2 en 15 parroquias, de maneira moi dispersa.

Todos eses centros de compostaxe e os composteiros individuais dos centros de educación primaria, infantil e secundaria, así como as Galiñas Azuis (máis dunha ducia en total) e doutras entidades sen ánimo de lucro, precisan para o seu adecuado funcionamento, do traballo diario dos mestres composteiros, os cales deben desprazarse constantemente pola localidade para manter o correcto funcionamento de todos eles. Labores para as que é preciso levar sempre ferramentas para remover o compost, material estruturante para aportarlles cando sexa necesario e outros elementos accesorios como poden ser as máquinas trituradoras de ramas, para logo aportar a eses centros e composteiros.

Este novo vehículo para o servizo de compostaxe é un fito máis dentro do compromiso destes últimos anos por parte do Concello para ir reducindo pouco a pouco nos distintos ámbitos de competencia municipal o uso de enerxías fósiles e contaminantes, mediante a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público e dos edificios de titularidade municipal.

“Este vehículo contribuirá sobretodo a facilitar a labor dos técnicos encargados da xestión e mantemento dos centros de compostaxe comunitaria, ó mesmo tempo que apoiará o equipo de recollida de biomasa nos puntos verdes e facilitará visitas á veciñanza do mestre e mestra composteira. Polo tanto contribuímos á protección do noso medio ambiente por dúas bandas, facilitando a compostaxe e cunha emisión mínima de contaminantes no noso ar”, conclúe a concelleira responsable da área, Ana Belén Casaleiro.

Dende a concellería valoran moi positivamente estas axudas, xa que suman nos plans que dende o municipio están desenvolvendo, como o plan de acción polo clima e a enerxía e a xeralización da compostaxe (https://revitaliza.tomino.gal/).