Todos coa San Silvestre para recadar toda a axuda posible para o Centro de Reparto de Alimentos local

No primeiro día de inscrición xa son 200 persoas as que se anotaron

Ponteareas | Como cada ano a lona da carreira solidaria San Silvestre recibe ás e aos que chegan a Ponteareas na entrada da avenida de Galicia. O vindeiro 31 de decembro a cidadanía volverá xuntarse para facer deporte e para amosar que un gran de area pódese converter en toneladas de axuda para o centro de reparto de alimentos de Ponteareas.

O ano pasado recadaron unha tonelada e media de alimentos e este ano a meta, non é só a liña que deben cruzar na praza Maior, será superar a cantidade de axuda que estamos dispostos/as a aportar.

Os Taninos Runners abriron onte o prazo de inscrición na súa páxina web e xa son máis de douscentos os que se inscribiron. A organización dispón de 750 prazas para adultos que sairán ás 17:30 horas dende a praza Maior para realizar un percorrido urbano que este ano chegará ata a rotonda dos bombeiros. Duas voltas que farán un total de cinco quilómetros.

Os e as máis pequenas dos fogares ponteareáns correran na praza Maior repartidos en tres categorías e entre todos eles e elas a organización repartirá agasallos sorpresa.

En colaboración co concello de Ponteareas, a través da concellería de Deportes, Taninos Runners organiza cada ano esta proba deportiva de inscrión gratuíta que recollerá alimentos e produtos de hixiene para o centro de reparto de alimentos local a partir das 15:30 horas na carpa da praza Maior.

Taninos Runners quere recordar a toda a cidadanía que tamén se poden achegar produtos de alimentación aptos para celíacos e dende o centro de reparto de alimentos recordan que son necesarias leites e cereais para bebés, aceite de oliva e todo tipo de legumes e veduras en conserva.