Tinta, Inma López Silva (Galaxia, 2012)

Hai quen gosta da liña recta, incluso en literatura, e hai quen se decanta pola liña curva, ao xeito do poeta Jesús Lezcano. Inma López Silva inclúese no segundo grupo. Se a preferencia pola curva como valor estilístico e moral se observa en cada unha das súas obras, resulta máis nidia en Tinta por tratarse dunha recompilación de relatos publicados ao longo de dez anos. O volume deita luz sobre a súa traxectoria e a construción paulatina dunha poética moi particular, onde cada reviravolta amosa o inexactas (e aburridas) que son as olladas pretendidamente inequívocas. Tamén é verdade que as realidades que centran a súa atención son ben escorregadizas, malia a seren presa cobizada para dogmáticos. A liña que abeira eses grandes temas como o amor, a violencia, sobre todo aquela exercida por todo tipo de fascismos, a arte e a identidade persoal vaise curvando, en primeiro lugar, pola acción dunha serie de personaxes periféricos, xa que son os recantos e as marxes os que agochan alternativas, non por silenciadas menos verosímiles, ao pensamento único. Curvo é o cura que adopta a misión de amar mulleres feas ou o compañeiro de xogos de Franco que condena o futuro ditador, seica sempre desgrazado, polo efecto dunha maldición infantil. Pero máis curvas son as mulleres afoutas que loitan contra un destino escrito por homes, como a enigmática Molly á que lle negaron o dereito a titularse na universidade polo feito (singular) de ser a única muller, a Celsa que ten que lidar coa loucura da saga do marido ou a Eva que representa o limbo no que ficaron desterradas as roxas da posguerra.

A transgresión máis arriscada rexeita tamén o ataque frontal, o achegamento directo. A mellor arma é a ironía, a verbalización da dúbida e a fuxida momentánea na que amorear forzas para o desquite, ben sexa a través da arte como acubillo da ficción, nomeadamente o teatro, ou a través da vivencia pasional dun presente efímero. Tamén a complicidade dun receptor que sintoniza cun caudal narrativo exuberante e sensual como poucos, sostido por mulleres plenamente conscientes e lucidas que, a través do humor e a intelexencia analítica, amosan como os xiros fan o camiño máis lixeiro.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.