
Ponteareas | Vía redes sociais e comunicados de prensa, os partidos políticos que forman parte da Corporación Municipal de Ponteareas reaccionaron ante a inauguración da nova Escola Infantil municipal no Parque Ferro Ucha e as protestas cidadás en torno a esta apertura.
O Partido Popular cualificou de “auténtica vergoña” e de “circo político” as protestas fronte á nova escola infantil acusando ao BNG, PSOE e Podemos de “todo vale con tal de montar ruído e confrontación”.
Unha posición diferente amosouse dende a oposición. O BNG foi igualmente taxante: “mentres a xente pedía explicacións, o presidente da Xunta marchou sen atender ás protestas. E á alcaldesa non lle quedou outra que dar a cara, reafirmando no seu capricho de demoler do edificio”.

A líder do BNG de Ponteareas e deputada Cristina Fernández Davila, levou ante o Parlamento galego o tema da demolición da escola infantil coa finalidade de que a Xunta se pronuncie sobre a decisión do goberno de Nava Castro, principalmente ao existir graves problemas de falta de prazas públicas de 0 a 3 anos no concello.
Pola súa banda, o PSOE fixo causa común coa Plataforma Cidadá de Ponteareas e o seu lema de “Non á demolición da Escola Infantil” indicando que “mentres o Sr. Rueda inauguraba unha nova escola sen querer escoitar a ninguén, as rúas de Ponteareas enchéronse de veciñanza valente e comprometida”
Finalmente, Ponteareas en común (PeC) lanzou como mensaxe: “un pobo que loita, nunca perde! Outra mostra de dignidade colectiva” contra a demolición da Escola Infantil.




