
Ponteareas | A un mes da celebración do Corpus aparece a tensión entre o Concello e a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi. Tras unha xuntanza realizada o 5 de maio para analizar a resposta do goberno de Nava Castro de ofrecer alternativas para o Centro de Interpretación do Corpus, os membros desta agrupación rexeitaron por unanimidade as alternativas do goberno local de ofrecer o centro de saúde e varias parcelas situadas en zonas periféricas, entre elas unha na contorna de Eroski.
Segundo informou o presidente da Asociación de Alfombristas de Ponteareas, Miguel Ángel García Correa, a agrupación decidiu plantar para protestar ante o que consideran que é “unha clara falta de compromiso cunha das tradicións máis emblemáticas da vila”. Para a asociación, estas propostas resultan “totalmente inadecuadas” e afastan o proxecto do seu verdadeiro obxectivo. Os alfombristas defenden que o futuro Centro de Interpretación debe situarse en pleno centro urbano, integrado na vida social e cultural de Ponteareas, e non “relegado a outros espazos onde perdería visibilidade, sentido e capacidade de dinamización”.

Ante esta situación, a asociación volve esixir a cesión provisional da antiga escola infantil e reclama a paralización inmediata da súa demolición mentres non exista unha alternativa real. Así mesmo, propón como opcións viables a habilitación da planta soto do mercado municipal ou a adquisición do local do antigo Comercial Tea.
Os alfombristas ameazan con vetar ao Concello
Co malestar in crescendo, o/as alfombristas acordaron estudar diversas medidas, entre elas a non participación nos actos institucionais organizados polo Concello.
Así mesmo, trasladarase aos alfombristas a posibilidade de impedir a visita do Gobierno municipal aos portais durante a noite de Corpus, un xesto simbólico que pon de manifesto o deterioro da relación coa administración local. A asociación considera “un gasto inxustificable” os 40.000 euros que o Concello investirá nun perfume promocional, mentres as axudas aos tramos alfombristas non alcanzan os 35.000 euros. Denuncian así a “falta de sensibilidade institucional”.
A iniciativa está apoiada por todos os colectivos implicados e busca solucionar unha carencia histórica de infraestruturas adecuadas para preparar e almacenar os materiais necesarios. Segundo explica García Correa, “na actualidade, moitos grupos vense obrigados a recorrer a solucións provisionais, o que dificulta a organización dunha tradición que require semanas de planificación e traballo intensivo”.
Así mesmo, lembran que o Corpus Christi de Ponteareas é unha Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial. Por iso, defenden que o Concello debe implicarse na súa protección, garantindo a conservación e transmisión desta tradición ás futuras xeracións. Ademais, solicitaron apoio institucional ás administracións autonómica e estatal, convencidos de que esta iniciativa reforzará o recoñecemento internacional do Corpus e dinamizará a actividade cultural e turística do municipio durante todo o ano.
O Concello busca o diálogo a través dun convenio de colaboración
Mediante comunicado, o Concello de Ponteareas reafirma a súa disposición total ao diálogo coa Asociación de Alfombreiros e reitera o seu firme compromiso co colectivo para atopar unha solución satisfactoria que dea resposta ás súas necesidades de espazo de traballo.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliña que a porta ao diálogo “está aberta de par en par” e que as alternativas trasladadas nos últimos días aos alfombreiros eran propostas a debater e non opcións pechadas. Neste sentido, sinala que os alfombreiros deben dispor dun espazo que se adapte ás súas necesidades e que o Concello amosa a súa disposición a artellar un convenio de colaboración que dea unha resposta estable e duradeira aos requirimentos deste colectivo tan relevante para o municipio.
O goberno local quere precisar que as opcións trasladadas ao colectivo alfombreiro (o actual centro de saúde unha vez se execute o novo ou parcelas de equipamento obtidas en desenvolvementos urbanísticos recentes), son exemplos de oportunidades a curto e medio prazo, e non unha proposta pechada. “Queremos que quede absolutamente claro: a carta era unha invitación ao diálogo, non un punto final. As dúas alternativas que mencionabamos eran exemplos para ilustrar que existen posibilidades reais, pero estamos abertos a escoitar o que os alfombreiros consideren máis axeitado para o seu traballo”, sinala a alcaldesa, Nava Castro.
O convenio de colaboración que propón o Concello permitiría que sexan os propios alfombreiros os que propoñan os espazos que mellor se adapten á súa actividade, contando co apoio e o acompañamento institucional do goberno municipal. “Esta vía permitiría tamén acceder a outras subvencións doutras administracións supramunicipais, multiplicando os recursos dispoñibles para o colectivo”, explica Nava Castro.
A alcaldesa subliñou que “dende que estamos no goberno, en todas as reunións conxuntas cos alfombreiros e nos escritos que presentaron por rexistro de entrada nunca fora trasladada esta petición ata o pasado 11 de abril. O que importa é atopar a mellor solución posible para os alfombreiros e o Concello vai estar ao seu lado en todo este proceso. Se eles elixen un espazo e a opción é viable, artellaremos as ferramentas administrativas e de financiamento para tramitalo”.
O Concello recorda que a nova escola infantil xa ten vida, por iso queremos gañar espazo verde público con esta actuación, que se enmarca na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas e responde a un proxecto estratéxico para a vila que ten como obxectivo a creación dun corredor verde continuo entre o parque da Feira Vella e a nova praza de abastos Mercatea.
“Esta iniciativa busca ofrecer á cidadanía ponteareá un novo pulmón en pleno centro da vila, incrementando as zonas verdes e avanzando na renaturalización da contorna urbana”, sinala a alcaldesa.
O Concello reitera o seu recoñecemento ao labor extraordinario dos alfombreiros como peza esencial dunha tradición de proxección internacional como é o Corpus Christi de Ponteareas, e traslada novamente á Asociación a súa man tendida para sentarse a traballar conxuntamente nas vindeiras semanas.
“O obxectivo común é o mesmo: que os alfombreiros conten coas mellores condicións posibles para desenvolver o seu traballo, que tanto significa para Ponteareas. E iso imos conseguilo dialogando e construíndo xuntos”, conclúe a alcaldesa.




