Tempos que non agardan.

Unha acampada en Sol pola vivenda, que seica é dereito constitucional a pesar das falcatrúas institucionais do arredor. O “facherío” metendo presión e discordia con nostalxia ditatorial nos desastres. Ceuta dobrando cantos daquela noite de pedra, espazos privados de liberdade e sometidos ao medo e a represalia. Políticos cuspindo palabras que fan odiar, tamén odialos. Falta de querer entenderse por parte de todos os grupos que din representar a alguén, aínda nas ansias de poder, pois queremos esquecernos deles. Falta de osíxeno para falar o noso idioma co patrocinio de traidores, xa na propia orixe.

Xuntan ladróns cos que rouban. Reis que viven “a corpo de rei” e que non foron participados electoralmente. Traballadores/as en condicións de escravismo. Vivendas polas nubes. Enormes burocracias inútiles, que sabemos inútiles. Manifestacións pro-nazis. Xentes emigrantes cargadas de fame e rexeitados violentamente. Mortos andantes que buscan vida. Axudas aos ricos e impedimentos aos demais. Acosos no traballo, favoritismos no medio de quen buscamos paz e dignidade. Axudas á banca e ás empresas que queren beneficio e deshumanizar a vida. Sospeitas sobre enfermos que xa sofren enfermidade e, agora, ademais a desconfianza maliciosa e suspicaz dos de sempre. Desleixo da sanidade e educación públicas, das axudas sociais máis básicas. Desleixo á miña Patria e Matria, á miña Lingua e Cultura. Tamén desde institucións que nos negan e deberan protexernos. Malas formas, abuso de poder en forza, no canto de algo de intelixencia e comprensión xenerosa, sobre todo coa xente máis vulnerable. Odio, abusos, roubos, mentiras, ameazas, clientelismo, especulación, afrontas, ofensas de todo tipo, control desmesurado que invita á sospeita, silencios acusadores institucionalizados que nos fan servos permanentes da miseria e, ao final, déixannos desposuídos de liberdade e do dereito á vida.

“Desde esta situación aínda alguén se pregunta porque moitas persoas queremos non depender deste ruín sistema cando afoga e mata”

Desde esta situación aínda alguén se pregunta porque moitas persoas queremos non depender deste ruín sistema cando afoga e mata, desta xente que desde a represalia cega a luz e son un corpúsculo de atentados e traidores? Queremos ser e sentirnos libres, vivir e respectar. Iso si, enténdano ben, sendo respectados.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.