É tempo de mentiras. Quen máis mente, máis triunfa. Mente ata a máquina da verdade, ese pulsómetro que chaman “detector de mentiras”. Mente a natureza, polo menos quen a solventa, pois cando imos mercar froita queremos que recenda a froita, queremos peras que ulan a peras e saiban a peras. Sabendo que igual son de cámara e xa perderon o inconfundible da súa esencia. Tan fácil é subverter a vida, tan fácil enganarnos a nós mesmos.
Así vai este devalo, ata que rompa todo e teñamos que volver arrepentirnos e poñer algo de verdade no relato. Unha das razóns será que xa non estamos en paz con nós mesmos mentres os fantoches teñan o poder. Falláronnos as amizades, agora engúrranse e dispersan o compromiso. Europa desarticulada, non sabe por onde ir e pasa a ser tamén un obxectivo a pinchar, no medio do gran remuíño entre China, Rusia e os EUA. Nesa competitividade que nos deixa aínda soñando con ser quen somos, para emanciparnos de todos eles.
“O noso maior erro foi ser tan educados e mansos”
O noso maior erro foi ser tan educados e mansos, despois dos erros que aínda ecoan e non puxeron as cousas no seu sitio. Soñamos aquel don da diversidade, que respecte a todos e desde aí vernos e sentirnos identificados, cousa que non se fixo e garantía a vitoria da razón e o entendemento, da democracia sen mentiras por riba do absolutismo mentidor. Esta é de baixo nivel e a mentira campa en aberto. Cómpren moitas carreiras de fondo para volver ás certezas e verdades, aquelas que nunca foron contadas. Ai, se a Lei estivese en boas mans!





