Tanxugueiras publica ‘Pano Corado’, o seu novo sinxelo

Un himno no reivindican o amor libre e a diversidade

Santiago de Compostela | Tanxugueiras lanza este venres o seu novo sinxelo, Pano Corado, un himno no que as cantareiras reivindican o amor libre e a diversidade. O tema, que formará parte do seu terceiro disco, xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e acompáñase dun colorido videoclip que se pode ver en Youtube.

Pano Corado nace como unha reivindicación á liberdade e de celebración da diversidade sexual e de xénero. “Queremos normalizar o amor e a vida. Queremos derrubar barreiras. Que cadaquén se sinta libre de amar a quen queira, que cadaquén goce do amor, da vida, de si mesma, da súa sexualidade ou da súa identidade como queira”, apuntan as pandeireteiras, autoras do tema que co-producen xunto a Iago Pico (Pouland Studios).

Tal e como é habitual nos cantos e vídeos das cantareiras, os elementos tradicionais teñen un papel fundamental. Neste caso o pano, unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado nesta ocasión nun pano con todas as cores.

“Arróupame arquiño vello/ arróupame arco corado/ rebenta as vellas cadeas dos amores presidiarios”, claman Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro no seu novo tema, unha rumba na que queren facer unha chiscadela especial “ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa”.

Neste sentido, as pandeireteiras inciden no seu interese de chegar, con esta canción, a todas nenas e nenos que as seguen. “Queremos que saiban e vexan que teñen referentes que as entenden, que as apoian e que celebran a diversidade”, apuntan.

O novo sinxelo acompáñase dun vídeo dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e producido por PlayPlan (axencia de Tanxugueiras), tándem habitual no desenvolvemento das pezas audiovisuais do grupo e que xa foi recoñecido na última edición dos Premios Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por Figa.

O vídeo de Pano Corado, que se rodou este mes de maio nas localidades pontevedresas de Catoira, Marín, Cangas do Morrazo, Moraña e Vigo, ademais de Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), visualiza a través das imaxes a propia mensaxe da canción: unha celebración da diversidade, unha festa emotiva, unha disparidade de momentos que dan boa conta da ampla pluralidade de xeitos de amar, expresións de xénero ou mesmo vivencia das relacións en todas as idades e condicións.

Tanxungueiras 
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década, capaces  de  reinterpretar  os  sons  dunha  tradición  milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía,  a  súa  contundencia  e  o  seu  virtuosismo  vocal  son  os  máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que xa as fixo triunfar en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como MidasFigaAverno (colaboración con Rayden) ou Terra, tema co que se alzaron como as favoritas do público no Benidorm Fest. Estes sinxelos, ao igual que Pano Corado, formarán parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e que están a presentar co seu potente espectáculo na Xira Midas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos