Tanxugueiras álzanse con sete nominacións na XV edición dos Premios MIN

É a agrupación con máis nominacións neste festival de música independente

Santiago de Compostela | Hoxe déronse a coñecer as candidaturas aos Premios MIN 2023, nunha iniciativa que celebra este ano a súa XV edición e que pretende recoñecer a artistas e profesionais da industria musical independente do Estado.

Organizados pola Unión Fonográfica Independente (UFI), os Premios MIN naceron en 2009 para recoñecer a creación, diversidade e calidade artística das producións independentes feitas en España.

Despois de catorce edicións, consolidáronse como un referente da industria musical española e son os únicos premios concedidos pola propia industria que se entregan en España, coa misión de dar a coñecer aos artistas emerxentes a novos públicos, achegando a música á sociedade, consolidando o recoñecemento da actividade creativa e divulgando o valor da propiedade intelectual.

Formada por 21 categorías, Tanxugueiras foi a banda que máis candidaturas conseguiu -7 en total- nesta edición, correspondente ao seu último disco, “Diluvio”, publicado en 2022. As categorías nas que optan a conseguir un premio son as seguintes:

‘The Orchard a Álbum del Año’
‘Sympathy for the Lawyer a Mejor Videoclip’ por ‘Averno’, xunto a Rayden e dirixido por Trece Amarillo

Álbum Música de Raíz’
‘Álbum en Galego’
SAE Spain a Producción Musical’ Tanxugueiras e Iago Pico

‘Mejor Letra Original’ por ‘Pano Corado’
‘Ticketmaster a Mejor Directo’

Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que, para a ocasión, se trasladará a Palma de Mallorca e que contará con Samantha Hudson como mestra de cerimonias.

Tanxugueiras, pola súa banda, continúan estes meses imparables percorrendo toda a xeografía española da man da súa axencia de xestión, PlayPlan, e o vindeiro mes de maio chegará con novidades do trío galego en forma de nova música, editada por Calaverita Records.