Talleres sobre Comunicación e Resolución de Conflitos na Guarda

Organizados pola Asociación Érguete Baixo Miño en centros educativos

A Guarda | A Asociación Érguete Baixo Miño informa que durante este mes de novembro e decembro está a impartir diversos talleres sobre a promoción da saúde e a prevención de condutas aditivas no alumnado do CEIP A Sangriña de A Guarda e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal –Pontevedra-.

Trátase do programa denominado Educación para a Saúde na Escola que conta cunha ampla traxectoria de execución nestes centros educativos e que están dirixidos, neste curso escolar, ao alumnado de 5º e 6º da EPO. Estas actividades atópanse financiadas pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias da entidade.

Entre os obxectivos destas actuacións cabe mencionar:
-Benestar emocional. -Adquirir habilidades sociais de adestramento e afrontamento en situacións. -Mellorar as habilidades sociais e de comunicación. -Saber afrontar os conflitos nas relacións interpersoais. -Incrementar a autoestima, o autocoñecemento e o sentido crítico e -Potenciar unha elección de valores, actitudes e comportamentos saudables.

Esta acción, impartida por unha Educadora Social con ampla experiencia nesta área, atópase dentro da carteira de servizos que a Asociación Érguete Baixo Miño ofrece de forma continua no ámbito escolar e que ano tras ano ten moi boa acollida tanto nos centros educativos da comarca como por parte do alumnado aos que vai dirixido.

Para máis información, invitamos ás persoas interesadas a achegarse ás instalacións de Érguete (r/Colón, 20 -Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda, visitar a páxina web www.erguete.org ou ben contactar nos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76 ou no correo electrónico info@erguete.org.

V edición da Érguete e Corre en Vigo
O alcalde, Abel Caballero, presentou hoxe xunto a Asociación Érguete e os dintintos patrocinadores a Érguete e Corre, a proba solidaria que pechará o Circuíto Run Run 2022 do Concello de Vigo o vindeiro 11 de decembro dende a terraza do Centro Comercial, percorrendo Travesía de Vigo e a Senda Verde.

O rexedor destacou que pechamos un circuíto cunha proba de “gran interés social” e animou as persoas a participar. A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, tamén lembrou que con esta proba “queremos sumar quilómetros como sociedade para axudar ás máis de 5.000 persoas que atendemos cada ano”.

Rivas, explicou que a quinta edición da Érguete e Corre será unha carreira “accesible, para pequenos e maiores e chea de solidariedade e outras actividades”, e indica que durante a mañá as persoas interesadas poderán elixir se participan na Érguete peques, gratuíta e para nenos e nenas que nacerán logo do 2010, na carreira de 10 km, cronometrada e cun custo de 10 euros, na de 5 km, tamén cronometrada e cun custo de 10 euros, ou na proba en bicicleta, cun custo de 10 euros. Érguete tamén organiza unha andaina de 10 km polo mesmo prezo.

A primeira das probas será a Érguete peques, ás 10.00 horas, as bicis sairán ás 10.30 h, mentres que os e as que participan na carreira ou na andaina terán que estar listo para saír ás 11.00 horas. Paralelamente, “tamén organizamos na terraza do Centro Comercial Vialia actividades de animación para nenos e nenas con talleres de teatro e educación sostible da man de Teatro do Ar , Cooperativa Somos Terra e Bonobo, unha clase gratuíta de zumba cos profesionais de MeuFit e servizos de fisioterapia gratuítos co equipo de Vicus Vigo.

Kilómetros para deixar atrás as adiccións
Os ingresos desta carreira irán destinados a potenciar a actividade Movendo camiños, unha iniciativa que consiste nun adestramento semanal en Castrelos coas persoas usuarias co obxectivo de introducir o deporte nas súas rutinas diarias.

O coordinador das vivendas de apoio, Javier Alonso, explica que dende setembro un grupo de máis de 20 persoas, que inclúe persoas usuarias e profesionais de Érguete, adestra todos os martes ás 18.30 horas en Castrelos, dando igual “se chove ou se vai moito frío, xa que a constancia e a forza de superación son ferramentas moi útis coas que queremos traballar”.

A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, incide que outro das grandes beneficios do “Movendo camiños” é que motiva ás persoas usuarias “a ter rutinas e a superar marcas e obxectivos, creando así unha educación no esforzo que lles axuda non momentos malos da loita contra unha adicción, xa que o desexo de consumir vaia compañalos toda a vida e só un gran esforzo evitará a recaída”.