Taiwán: é tan inevitable a guerra?

Observemos algunhas leccións (outras máis) que nos deixa a invasión militar rusa a Ucraína. E observemos tamén como esas leccións poden descifrar algunhas chaves importantes á hora de acometer o vindeiro conflito que os mass media nos venden ata a saciedade, cal estratexia de marketing: Taiwán. E para explicar este contexto non nos centraremos unicamente no plano militar.

A pesares de máis de tres décadas de independencia ucraína do control político de Moscova, neste último caso vía URSS, unha importante maioría dos rusos seguen a considerar a Ucraína como un pobo irmán pero, ó mesmo tempo, indisoluble dentro da “Nai Rusia”. Agora ben, cun proceso acelerado de ‘desrusificación’ propiciado polo goberno de Volodymir Zelenski (e non precisamente motivado pola invasión rusa senón dende fai varios anos, por certo), como ven os ucraínos hoxe a Rusia? Obviamente temos que remitirnos aos efectos da invasión militar: é de agardar que a maioría dos ucraínos, apoiados polos seus ‘aliados occidentais’, observan a Rusia e termos de “invasor”, “imperialista”, cun tratamento que incluso raia no cualificativo de “barbarie”.

Non obstante, cabe observar que aínda rusos e ucraínos se observen como pobos irmáns e non só veciños, unidos historicamente? Nunha guerra atascada, cun 20% do territorio ucraíno hoxe en mans rusas e tamén en proceso de ‘rusificación’, a resposta a estas preguntan non poden senón confirmar o estado de tensión permanente nas relacións ruso-ucraínas. Un estado de conflito latente moi probablemente auspiciado dende Occidente, que ve a Ucraína como un “Estado-tapón” que condicione calquera posibilidade de ‘resurrección’ dun novo acordo euroasiático post-soviético que lle permita a Moscova e Kiev trazar a posibilidade dun canal de entendemento e pesares dos horrores desta guerra cada vez máis incomprensible.

Un tratamento moderadamente similar podemos observar en China co respecto a Taiwán. Un perfil que igualmente determina os intereses que Occidente neste escenario. Como no caso ucraíno entre Rusia e a OTAN, a crise taiwanesa implica un triángulo de pulsos de poder que involucran ás dúas grandes potencias, China e EEUU. Os riscos da ruptura dun volátil equilibrio xeopolítico certifican que a crise taiwanesa ten unha dinámica propia a pesares de certas similitudes coa crise ucraína. Tamén implica directamente a potencias nucleares (China e EEUU), outros actores colaterais con capacidade nuclear (Rusia, India) e outros máis que buscan renacer históricas expectativas globais (Xapón)

Como na recente ampliación da OTAN cara Suecia e Finlandia claramente definida na perspectiva de contención a Rusia, Asia Oriental vive un contexto similar. O pacto AUKUS entre EEUU, Australia e Gran Bretaña busca ampliarse cara outros actores (Xapón e Corea do Sur) que manteñen tensas relacións con Beijing. O obxectivo é obviamente atenazar o ascenso da previsible próxima potencia global: China. A “OTAN asiática” vía AUKUS supón a ruptura do equilibrio estratéxico máis importante na rexión dende o final da II Guerra Mundial. Non esquezamos os recentes e históricos achegamentos entre Xapón e Ucraína coa visita a Kiev do primeiro ministro nipón, confirmado coa presenza xaponesa no recente cumio da OTAN en Vilna (Lituania) en xullo pasado.

“É posible (e inevitable) a reprodución dun ‘escenario ucraíno’ para Taiwán?”

Agora ben, é posible (e inevitable) a reprodución dun “escenario ucraíno” para Taiwán? Como o seu similar ruso en Ucraína, o Exército Popular de China, podería facer o mesmo que o seu similar ruso invadindo neste caso a illa taiwanesa nos vindeiros anos? Hai prognosticos dunha guerra entre China, Taiwán e EEUU nalgún momentro dentro dos vindeiros dez anos. A diferenza do que actualmente observamos en Ucraína, amparado polo paraugas da OTAN, xorden interrogantes: intervirá directamente Washington en caso de invasión militar chinesa a Taiwán, tomando en conta os compromisos estratéxicos entre EEUU con esta illa? Existe algún rol para a diplomacia e a negociación, unha disuasión estratéxica que non implique a utilización da forza militar?

Seguirá manténdose indefinidamente o actual status quo, cunha China presionando pola reintegración dunha “rexión separatista e renegada”, tal e como Beijing cualifica a un Taiwán que ansía a independencia e cun EEUU que observa a Taipei como un peón estratéxico para a contención de China? Non hai posibilidade para que China e Taiwán negocien baixo a perspectiva “dun país, dous sistemas”? É viable un “modelo Hong Kong” para Taiwán? Ou, polo contrario, a guerra é irremediable, inevitable? Coa guerra en Ucraína, non estarán o suficientemente saciados os intereses dos “lobbies” armamentistas e dos “falcóns” a nivel global ou precisan doutra guerra, mellor en Asia se implica a China e EEUU así como a outros actores ‘nucleares’ (Rusia, India, quen sabe se Paquistán e Corea do Norte) e outros mais en auxe armamentista (Xapón, Corea do Sur)?

Non existen certezas irrefutables para responder estas (e outras tantas) interrogantes sobre crises deste calibre, que entran no terreo da complexa tarefa de predición nunha ciencia tan pouco exacta e imprevisible como é a política, neste caso a política internacional. Temos poucas certezas na man: a guerra ucraína está militarmente estancada pero xeopoliticamente activa. Non sabemos se definirá unha confrontación nuclear. E a de Taiwán aínda non comezou…se é que realmente comezará en algún momento, a pesares dos incesantes preparativos militares, dos novos equilibrios rexionais e globais e da voráxine de informacións que hoxe pareceran provenir, precisamente, deses ‘lobbies’ da guerra.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.