A Academia de Tecnoloxía m8factorial da Coruña celebra o seu décimo aniversario

Entrevista de Francisco Puñal Suárez ao programador Ramón Palleiro Rodríguez

Para Ramón Palleiro Rodríguez, “Moncho do Orzán” (Coruña, 1985), ensinar programación, electrónica e robótica a nenos e mozos é unha motivación especial e un reto persoal que o levou a crear a academia de tecnoloxía m8factorial, que hoxe celebra o seu décimo aniversario, con numerosos logros e éxitos.

Ramón é titulado en Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo (2011), na especialidade de Son e Imaxe, e tamén posúe o Grao Profesional de Música na especialidade de Acordeón polo Conservatorio de Culleredo (2018).

Ramón fixo parte do colectivo poético-musical In Nave Civitas. Foi membro do quinteto de gaiteiros Os Cataventos, do grupo folque Barallete, e vogal na Asociación de Gaiteiros Galegos.

Tamén formou parte da Irmandade da Música Galega e foi corista, actor e arquiveiro no Coro Cántigas da Terra, onde investigou o pasado e o presente dos Coros Galegos e do folclore autóctono, poñendo de relevancia a súa importancia dentro da cultura propia. En 2016 participou no libro colectivo “As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX” (Laiovento, 2016) e tamén é autor do libro “Farruco de Montrove e os Gaiteiros da Coruña” (Central Folque, 2017).

Tamén fixo parte de diversos proxectos comunitarios como a rede de escolas Semente ou a asociación Mobiliza por unha mobilidade responsábel. No seu día a día profesional exerce como docente de tecnoloxía na academia m8factorial, focando a súa pedagoxía na descolonización, no anti-imperialismo e no decrecemento, mediante a reutilización de refugallo electrónico e a participación nos movementos do software libre.

Con motivo do décimo aniversario da súa academia, falamos con Ramón sobre esta experiencia docente.

Por qué e para qué fundaches este centro docente?
A academia m8factorial! naceu como un proxecto persoal e profesional a un tempo. Dun lado, eu xa andaba a participar en distintas iniciativas sociais, culturais e activistas (folclore, teatro, audiovisual, investigación histórica, mobilidade de bicicleta…) e, doutro, a experiencia universitaria e laboral no mundo da enxeñaría levoume a unha montaña rusa con moita presión que eu non quería na miña vida. Entón, resolvín xuntar estes dous camiños nunha academia tecnolóxica do movemento maker onde a reciclaxe do lixo electrónico, o hardware/software libre e un enfoque filosófico e social fosen os pontos de partida. Grazas ao inmenso cariño, axuda e formación pedagóxica de meus pais conseguín saír adiante.

Qué obradoiros e aulas desenvolviches neste tempo?
Pois na verdade levo a cabo un amplo abano de propostas. Tanto na infancia canto na adolescencia, a variedade é un factor importante para espertar intereses. Durante o ano escolar, hai cursos de outubro a maio de programación de videoxogos, electrónica/robótica e deseño 3D. No verán organizo obradoiros semanais temáticos, chamados factoriais, sobre diversos asuntos dos que podo transmitir coñecementos: realización e edición audiovisual, deseño de monumentos e impresión 3D, construción de instrumentos musicais electrónicos como a harpa láser, animación stop-motion, desafíos hacker, etc. Hai uns anos, por suxestión de varias familias, comecei a dar aulas individuais de apoio en matemáticas, física e química tamén con grande éxito.

Cómo avalías o funcionamento da túa academia ao longo destes dez anos?
Foi unha década ben proveitosa. Se ben os inicios foron duros organizativamente, tiven a sorte de comezar cun mollo de familias encantadoras as que lles debo o meu continuar de hoxe. Co tempo, a academia foise tornando un lugar de aprendizaxe e experimentación excepcional. A rapazada foi propondo inventos e xogos que conseguimos ir realizando. Por citar algúns: a programación dun código para sortear palabras e construir en directo unha transmisión radiofónica surrealista ou a invención dun xogo de pontaría láser para responder preguntas. Por último, cómpre salientar a grande fidelidade do alumnado ano tras ano.

Qué tipo de público asiste ás aulas?
Teño certamente un público rico e variado en formas de ser que partillan afinidade polas curiosidades, os inventos, a ciencia e a matemática. Desde o inicio, tiña claro que a idade mínima para participar debía situarse arredor da compresión lecto-escritora. Ao estilo das unitarias rurais, organicei os grupos en miúdas (6-9 anos) e graúdas (10-13, 13-17), se ben este criterio é flexíbel segundo as necesidades e emotividades de cada persoa.

Qué habilidades desenvolven as crianzas?
Realizamos xogos e inventos con electrónica reciclada que envolven psicomotricidade fina, escritura manual e con teclado, lóxica matemática, coidados emocionais, etc. Habituais son os teleféricos, os carros segueliñas, Theremins, barreiras láser que ao pasar soan mensaxes gravadas, Morse, pulsómetros, pinballs e tamén videoxogos pintados con píxeis e escritos en Python. Especial mención merecen as habilidades comunicativas con proxectos de radio escolar en paralelo cos cursos. Por último, vale a pena salientar as conversas filosóficas sobre a realidade, sempre con pensamento crítico: toda unha axuda mutua de ensino-aprendizaxe ben vizosa.

Cómo ten sido a experiencia co público infantil?
Quizais a experiencia máis fascinante para un docente é o instante do autodescubrimento por parte da crianza. Estou a pensar en decatarse por si proprio de como funciona algo ou das propiedades que parecen máxicas de certos números e formas, e sobre todo as relacións anti-intuitivas que agroman arredor da noción de infinito (hai varios infinitos? hai tantos números pares como naturais? etc). Tamén é moi agradecido ver en todas nós a evolución na paciencia e na comprensión e axuda para coas compañeiras. A partir diso é que xorde o desfrute do propio proceso de elaboración dun invento ou dun código.

Por qué é importante para a sociedade ensinar as novas tecnoloxías?
Vou ver de sintetizar parte do meu pensar, non é fácil. Ante o conceito “novas tecnoloxías” probabelmente quen nos está a ler pensa nalgún robot ou nalgún algoritmo malchamado intelixente. Ao meu ver, existe un construto social reducionista e interesado arredor da tecnoloxía. Primeiro, tendemos a pensar erradamente que o novo sempre é mellor que o antigo ou que con electricidade imos solucionar todas as necesidades materiais e enerxéticas. É imprescindíbel confrontar a noción social de “novas tecnoloxías” por seren moitas delas destrutoras da vida. Para mellorar (ou non…) a vida dunhas persoas destrúese e deshumanízase a vida de millóns doutras, fai sentido iso en nome do progreso? E non basta a etiqueta verde, se o consumo continua a ser irracional. En paralelo é crucial o ensino da soberanía tecnolóxica, isto é, habilidades con ferramentas, novas ou vellas, que sexan útiles e respeitosas para a vida e para a natureza desde a súa construción, o seu uso e os seus residuos. Por tanto, un camiño ético no ensino da tecnoloxía pasa por cuestionar o crecemento infinito, combater o colonialismo/imperialismo e camiñar cara novas formas sociais menos complexas e máis comunitarias, onde a vida mereza ser vivida en calquera lugar do planeta.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.