‘Tormenta perfecta’ para unha guerra global.

Estamos inmersos na ‘tormenta perfecta’ que leve a un conflito armado global de maior alcalce que o que acontece en Ucraína? Os grandes actores internacionais, sendo estes EE.UU, China e Rusia, avanzan nun frenético realiñamento de alianzas e de equilibrios de calado xeopolítico e militar mentres a atención enfócase dende fai semanas na tantas veces anunciada (e quizáis tamén pretendida) ofensiva militar a gran escala en Ucraína.

O auxe armamentístico das grandes potencias vese complementado coas expectativas doutra crise económica global derivada da caída doutro xigante financeiro (Sillicon Valley Bank) e que levou en Europa ao rescate de Crédit Suisse. Este novo colapso bancario en EE.UU retrotrae os pantamas da crise financeira de 2008 trala caída da firma Lehman Brothers. Agora ben, nun mundo economicamente golpeado pola pandemia e a guerra ucraína, cunha notoria precarización do emprego e dos salarios, pódese intuír que, ante a caída de Sillicon Valley Bank e as posibilidades dunha crise económica global, estemos observando a retroalimentación do complexo militar-industrial, vía conflitos armados, aproveitando unha masa laboral de baixo custe toda vez as economías tentan acelerar o inevitable cambio tecnolóxico.

Expectantes ante a inminente crise financeira global, é a permanente tensión xeopolítica con tintes militaristas a que dirixe as directrices. O conflito ucraíno ben pode extraer leccións a distintos niveis que apuntan a un reforzamento da confrontación in crescendo entre China e EE.UU. Esas “leccións ucraínas” definen un novo foco conflitivo: Taiwán, cada vez máis no centro de interese estratéxico.

Un exemplo claro deste escenario do pulso EE.UU-China foi o inmediato rexeite de Washington ao plan de paz chinés para Ucraína, cuxa potencialidade de concreción convertiría a China nun interlocutor capacitado para a resolución de conflitos, en detrimento da política estadounidense. A reacción na Casa Branca foi acusar de inmediato a Beijing de presuntamente distraer a atención para armar ao seu aliado ruso. Non obstante, e para contradicir claramente esas acusacións estadounidenses, Beijing exhibe destreza diplomática ao propiciar a normalización de relacións diplomáticas entre Arabia Saudita e Irán, rotas desde 2019.

Unha ollada á historia contemporánea permítenos observar que o mundo de hoxe semella moi similar a aquel da balanza de poder da Europa de finais do século XIX e comezos do XX, con alianzas militares que precederon (e procrearon) á I Guerra Mundial de 1914-1918. Entón eran Francia, Gran Bretaña, o Imperio alemán e o Imperio ruso zarista os grandes contendores. Hoxe son EE.UU e China o epicentro do poder global, con Rusia como complemento e outros actores (India, Turquía, Irán, a UE cada vez máis “otanista”) á expectativa.

Toda vez a guerra ucraína estase configurando vez máis nun conflito directo entre a OTAN e Rusia, debemos observar con atención a contorna asiática. Este 14 de marzo formalizouse o pacto AUKUS que involucra a EE.UU, Gran Bretaña e Australia. O AUKUS podería ter un alcance de implicación cara Filipinas e Xapón, cuxas pretensións de rearme son cada vez máis notorias e aplaudidas por Washington e Londres. Toda vez, Manila e Tokio teñen disputas marítimas con China, o epicentro de confrontación ao que se enfoca o AUKUS.

“Toda vez a guerra ucraína estase configurando vez máis nun conflito directo entre a OTAN e Rusia, debemos observar con atención a contorna asiática”

Mentres o AUKUS cobraba forma nunha especie de “anglósfera” que abriría ás comportas dunha “OTAN asiática”, un escuro incidente no Mar Negro levou a unha colisión entre un caza de combate ruso Su-27 e un dron estadounidense. Washington descartou inmediatamente que este incidente fora “un accidente” pero o mesmo afronta máis interrogantes que certezas: estamos ante tentativas ‘provocadoras’ que xustifiquen unha ampliación das tensións ruso-occidentais cada vez máis de cara ao terreo militar?

Volvamos a Europa, demasiado concentrada nunha guerra ucraína que pode ampliarse cara Transnistria e Moldavia e, incluso, Bielorrusia se define a súa participación ao carón do seu aliado ruso. Pero tamén temos as tensións entre Cósova e Serbia, este último aliado balcánico ruso en permanente discordia coa UE e a OTAN. Caldo de cultivo para un conflito balcánico-mediterráneo?

Mais aló están as protestas en Xeorxia, unha especie de “Ucraína do Cáucaso”. Aquí volven a reproducirse as tensións ruso-occidentais nun pulso de alianzas e novos equilibrios neste escenario moi sensible para a seguridade rusa. Non se deben esquecer as expectativas ‘post-soviéticas’ de Washington e dos seus aliados “atlantistas” por afastar a Ucraína e Xeorxia da órbita de influencia rusa e que hoxe cobran relevancia ante a guerra ucraína.

E rematamos, tentativamente, en Israel, agora co goberno máis ultradereitista da súa historia en manos do ‘eterno’ primeiro ministro Benjamín Netanyahu. Aquí o pulso é xudicial con pretensións de cambiar unha lexislatura laica que prima o peso do dereito por riba de calquera pretensión sobre o carácter do Estado israelí, unha prerrogativa constantemente defendida polos partidos e movementos ultrarrelixiosas e sionistas das que depende Netanyahu para gobernar.

Os sectores laicos israelís saíron as rúas para protestar por unha iniciativa tendente a recrear unha especie de “teocracia sionista”, quen sabe se similar á do seu histórico inimigo iraniano. Ante a ‘reconciliación’ entre Irán e Arabia Saudita vía mediación chinesa, como afectará a crise israelí ao sempre volátil e conflitivo Oriente Próximo é outra das claves xeopolíticas do momento. E non esquezamos a persistencia de conflitos como Siria, Iemen, os palestinos, os curdos, os saharauís, as recentes dinámicas xeopolíticas marroquís, a desfeita libia, o sempre volátil Líbano, o poder das “petromonarquías”hoxe lideradas por Arabia Saudita e Qatar.

Como vemos, moitas variables definen un escenario no que estaríamos potencialmente ingresando na ‘tormenta perfecta’ con expectativas de procrear gradualmente unha guerra global, a diversas escalas e en diferentes escenarios, todos eles interconectados. Así e todo, non se observan mecanismos de pacifismo e de resolución de conflitos. E a sociedade civil? Ten capacidade de influencia? Interrogante que abre outro paréntese  de tensións socioeconómicas toda vez observamos máis poder para os “señores da guerra” e os adalides do complexo militar-industrial que pululan ó redor do mundo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.