De Iraq a Ucraína.

Este 20 de marzo cúmprense os 20 anos do comezo da guerra de Iraq, unha “operación militar especial” liderada por Washington e Londres que, co apoio español do entón goberno de José María Aznar, reviste dunha ilegalidade e ilexitimidade tan relevante como foi o seu precedente, a guerra da OTAN en Cósova (1999) E digo ‘ilegal e ilexítima’ porque a intervención exterior neses conflitos (Iraq e Cósova) como no actual de Ucraína non foron aprobados polo Consello de Seguridade da ONU, o órgano máximo capacitado para dirimir a resolución de conflitos conformado polas hoxe cinco potencias nucleares (EE.UU, Rusia, China, Gran Bretaña e Francia) historicamente vencedoras da II Guerra Mundial.

Por tanto, e como ocorrera coa OTAN de 1999 en Cósova co español Javier Solana como o seu secretario xeral, en 2003 a entón administración de George W. Bush Jr. fixo gala da súa vontade de romper absolutamente a legalidade internacional vixente desde o final da II Guerra Mundial. Fíxoo lanzando unha guerra amparada nunha presunta presenza de armas de destrución masiva en mans do réxime iraquí de Saddam Hussein e de supostas conexións co terrorismo internacional (chámese Al Qaeda, o inimigo de Washington tralo 11/S) Xustificacións que máis ben foron precursores dos fake news e das redes de desinformación que hoxe vivimos. Así, esa ruptura da legalidade internacional non comezou coa invasión militar rusa a Ucraína en 2022 (que obviamente non xustifica a actual guerra) senón que xa a OTAN e Washington ansiaban romper ese mundo da posguerra fría vía intervencións militares que tiveron a súa continuidade en Libia en 2011.

Que queda hoxe dese conflito en Iraq? A desfeita iraquí propiciada pola administración Bush Jr. a partir de 2003 foi xustificada a través dun pretendido proxecto hexemónico estadounidense para o século XXI, amparado nun difuso proxecto de ‘democratización’ denominado “Gran Oriente Próximo” dende Marrocos ata Afganistán. Os resultados foron claramente contraproducentes para os intereses de Washington: se ben acabou con réximes incómodos como os de Hussein e Muammar al Gadafi en Libia (un aforcado, outro linchado) fíxoo a costa de recrear a destrución dun Oriente Próximo no que EE.UU ten perdido peso e protagonismo incluso ata quedar en ocasións como un actor cuase marxinal.

“Que queda hoxe dese conflito en Iraq? Que leccións podemos extraer para Ucraína ou Taiwán?”

Tampouco acadou ningún obxectivo estratéxico: Washington nin sequera logrou atenazar a súa maior ameaza estratéxica rexional (Irán), mais ben todo o contrario: a tenor da súa influencia na maioritaria comunidade xiíta, Teherán é practicamente o factor de equilibrio dentro da desfeita iraquí provocada por EE.UU. Toda vez, Rusia e China gañaron peso xeopolítico na rexión así como outros membros díscolos da OTAN (Turquía) e outros aliados de Washington pero que teñen a súa propia axenda xeopolítica (Arabia Saudita, Qatar) A pretendida hexemonía estadounidense que Bush Jr. ansiaba lograr en Iraq desfigurouse de tal xeito que, dúas décadas despois, Washington ve como China emerxe e reforza o seu ascenso potenciando un eixe euroasiático ‘anti-atlantista’ con Rusia e outros actores. Por certo, este mesmo 20 de marzo, o presidente chinés Xi Jinping chegou a Moscova para fortalecer a súa alianza co mandatario ruso Vladímir Putin, co foco na resolución do conflito ucraíno presentando o seu plan de paz ante a receptividade de Putin e os receos occidentais.

Tampouco houbo Pax Americana nin a guerra acabou co xihadismo e o terrorismo global: a desfeita iraquí procreou o nacemento dun novo actor, o Estado Islámico, que logrou gañar terreo entre Siria e Iraq aínda que hoxe esta xa non sexa a realidade. Outro réxime incómodo como o sirio de Bashar al Asad segue en pe contando co apoio sino-ruso, toda vez a inesperada Primavera árabe de 2011 foi unha ilusión que a penas logrou cambiar drasticamente o mapa político de Oriente Próximo. Primavera que, por certo, Washington non procreou como ansiaba Bush Jr. coa “democratización” de Oriente Próximo. Máis ben o que fixo foi reforzar aliados autoritarios na rexión, como Arabia Saudita e o Exipto militarista de Abdelfatah al Sissi. E como en Afganistán en 2021, Washington observou a partir de 2011 unha retirada militar progresiva de Iraq que soa a vergoñenta derrota como foi a de Vietnam en 1975. Todo isto sen esquecer que a guerra continúa en Siria e Iemen e que as cuestións palestina, saharauí e curda están lonxe de ser solucionadas baixo a legalidade internacional.

Que leccións podemos extraer da guerra de Iraq ante unha actualidade reflectida pola carnicería ucraína e a eventualidade de futuros conflitos á vista como, por exemplo, pode ser Taiwán? A grandes resgos, que segue a estar vixente a iniciativa de ruptura da legalidade internacional por parte das grandes potencias, máis interesadas en manter inalterables os seus imperativos estratéxicos e esferas de influencia.

Mentres a Corte Penal Internacional (CPI) creada en 1998 co Estatuto de Roma apresúrase hoxe a emitir unha orde de detención contra o presidente ruso Vladímir Putin por crimes na guerra ucraína, por que ese tribunal non fixo o mesmo en 2003  co ‘trío das Açores” Bush-Blair-Aznar’, benefactor da guerra en Iraq? Por certo, EE.UU, Rusia e China non ratificaron a súa inclusión no CPI, por tanto a legalidade do mesmo non ten vixencia nos seus territorios.

Por qué ese movemento cívico internacional de “Non á Guerra” que en 2003 inundou as rúas de Europa e EE.UU hoxe non está presente na guerra ucraína? Por que mentres China presenta un plan de paz para Ucraína, EE.UU e a OTAN persisten en armar ‘ata os dentes’ a Kiev para continuar unha guerra que, por certo, xa comeza a ser incómoda? E por qué hoxe temos tan presente que a próxima guerra será Taiwán, o que é o mesmo contra China, por parte dun EE.UU que acicala unha especie de ‘OTAN asiática’ vía pacto AUKUS? Por certo, mentres Xi e Putin reuníanse en Moscova, o primeiro ministro xaponés Fumio Kishida visitaba de sorpresa Ucraína nunha histórica xira para reunirse co presidente Volodymir Zelenski. Unha visita que interpreta un mapa global lastrado polos intereses xeopolíticos e militares existentes dende Ucraína ata Taiwán entre EE.UU-OTAN, China e Rusia e que definen un novo equilibrio de poder dentro das respectivas ‘esferas de influencia’.

Visto o visto e en perspectiva, aprendimos algo da desfeita iraquí?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.