Susana Seivane actuará o próximo sábado, 6 de xullo, en concerto en Tui

Será ás 22.30 h na rúa Compostela dentro do programa Musigal Son Tradición

Tui | O próximo sábado, 6 de xullo, ás 22.30 h na rúa Compostela ofrecerá un concerto Susana Seivane dentro do programa Musigal Son Tradición.

No concerto canda a Susana Seivane actuarán Miguel González, saxo; Rubén Deschamps, guitarra e mandolina; Carlos Freire, batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez, baixo eléctrico.

Susana Seivane interpretará, xunto a súa banda, temas do seu último traballo “FA”, publicado o pasado mes de setembro, un disco intimista, romántico, inspirador e tenro. Pero tamén repasará outros temas da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Susana Seivane naceu no seo dunha das familias con máis prestixio e sona no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Con 3 anos da man do seu pai iniciou a súa andaina musical, na que influíron mestres coma o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas. Ao longo dos anos desenvolveu un estilo xenuíno e propio, aberto ao legado e influencias doutras músicas.